Goberno e Xunta propoñen que se amplíe ao 28 de setembro a negociación do ERE de Alcoa mentres se negocia a venda

Empresa e comité teñen de marxe até este xoves para volver reunirse e aceptar esta formulación.

O comié de empresa agardaba á dirección de Alcoa en Lugo (Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo do comité antes dunha xuntanza coa dirección de Alcoa en Lugo (Europa Press)

O Ministerio de Industria e a Xunta realizaron unha proposta conxunta para que se amplíe ao 28 de setembro o período de consultas do ERE en Alcoa San Cibrao, nun prazo no que a multinacional estadounidense debe negociar unha operación de venda "en exclusividade" con Liberty House -que forma parte do grupo GFG Allianc--, así como manter a actividade na fábrica.

Así figura nesta proposta emitida por ambas as administracións após celebrarseesta terza feira en Madrid unha reunión entre o secretario xeral da Industria e a Peme, Raül Blanco; o conselleiro de Economía, Francisco Conde; o presidente de Alcoa en España, Álvaro Dorado; o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; o responsábel de Política Industrial e Sectorial de CC.OO. de Industria, José Manuel Casado; o secretario xeral de UXT FICA, Pedro Hojas.

Segundo sinalan a Xunta e o Ministerio, realízase esta proposta "co obxectivo de lograr que se garanta o mantemento da actividade industrial na planta de Alcoa San Cibrao".

"A ampliación do período de consultas terá como obxectivo prioritario pechar un acordo de compravenda, fixando o 27 de setembro como data límite para conseguilo. Se non se concreta devandito acordo, as partes que integran a comisión negociadora (Alcoa e comité de empresa) reuniranse o 28 de setembro co propósito de finalizar o período de consultas", sinala esta formulación feita por ambas as administracións.

Agora, esta proposta de Xunta e Goberno será remitida a Alcoa e ao comité de empresa para a súa aceptación, "que en calquera caso deberase ratificar no marco da comisión negociadora (Alcoa e comité de empresa), que terá de marxe para volverse a reunir até o vindeiro xoves 13 de agosto", explica o comunicado.

Durante este proceso até o 28 de setembro, Alcoa ten que comprometerse tamén a informar regularmente á Xunta, ao Ministerio de Industria aos representantes de cada organización sindical da evolución das negociacións.

Comentarios