O Goberno vasco negociará co español o '155 dixital'

Os Executivos vasco e español abrirán un período de negociación bilateral durante os vindeiros seis meses sobre o Real Decreto-Lei 14/2019, máis coñecido como 'decreto contra a república dixital catalá' ou '155 dixital'.  
 
Josu Erkoreka, portavoz do Executivo vasco (Imaxe: Goberno vasco)
photo_camera Josu Erkoreka, portavoz do Executivo vasco (Imaxe: Goberno vasco)

O Goberno vasco negociará co español nos próximos seis meses sobre o Real Decreto-Lei 14/2019, xa coñecido como o '155 dixital'.  

Así o anunciou o portavoz do Executivo de Euskadi, o nacionalista Josu Erkoreka, após o pasado 17 de xaneiro o Parlamento vasco aprobar unha iniciativa de Bildu que prosperou cos votos a favor do PNV, PSE e Podemos, e pola que se instou o Goberno de Euskadi a recorrer no Tribunal Constitucional (TC) o decreto dixital. 

Este decreto foi aprobado en novembro de 2019 pola Deputación Permanente do Congreso cos votos a favor de PSOE, PP e Cs, e coa abstención de Unidas Podemos, o que foi moi criticado pola esquerda e o soberanismo xa que, antes de anunciarse o preacordo entre o PSOE-UP, a formación de Pablo Iglesias amosárase moi contraria ao decreto dixital. 

Co proceso de negociación anunciado onte, terza feira 21 de xaneiro, por Erkoreka, fica paralizado durante medio ano a interposición do recurso xa apresentado ante o TC. 

O portavoz vasco explicou que a negociación é parte do acordo de investidura pactado entre o PSOE e o PNV polo que ambas as formacións se comprometeron a traballar para evitar a xudicialización da política. 

Entre outras medidas, o decreto permite o peche de facto de webs e redes sociais, ou que o Goberno interveña ou peche servidores que alberguen páxinas e plataformas. 

Comentarios