Marina Ortega, número 1 do PSOE por Ourense

“O goberno de Sánchez devolveu a decencia á clase política”

A candidatura do PSOE ao Congreso por Ourense está liderada pola psicóloga Marina Ortega. Desde 2015 é concelleira de goberno no Carballiño, onde está á fronte da área de Servizos Sociais e Benestar. Responde por correo electrónico o cuestionario formulado por Sermos Galiza.

marina
photo_camera Marina Ortega

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

Xógase dous modelos de país diferentes, un modelo conservador marcado polo retroceso, e outro marcado polo avance e o progreso.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Tras sete anos de goberno da dereita, con Galiza en parálise e retroceso, a cidadanía experimentou cambios evidentes coa chegada de Pedro Sánchez.

Estes cambios déronse en tan só dez meses e con oitenta e catro deputados, froito dun traballo complexo e comprometido dun goberno socialista que abriu as portas ao talento, para poder liderar un proxecto solvente e que mellorase directamente a calidade de vida da cidadanía.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

En Galiza preocúpanos o estado actual da sanidade pública froito dos recortes dos gobernos da dereita. Debemos loitar para que a sanidade galega volva satisfacer as demandas da sociedade actual.

Preocúpanos o estado actual da sanidade pública froito dos recortes dos gobernos da dereita

Preocúpanos a aposta polo rural, xa que é unha das características e fortalezas da nosa terra. Debemos dotalo de servizos, de infraestruturas e de benestar social, ademais de desenvolver estratexias concretas de innovación e actualización das empresas do rural aos novos tempo. De feito, co programa Cervera o goberno de Pedro Sánchez investiu máis de 500 millóns de euros para que pequenas e medianas empresas innovasen a súa actividade da man de centros tecnolóxicos.

Preocúpanos incrementar o número de postos laborais e a calidade dos mesmos, por iso nestes meses de goberno, unha das primeiras medidas foi o plan Director polo emprego digno, que transformou miles de postos eventuais en indefinidos, ademais de loitar contra os falsos autónomos.

Debemos dotar o rural de servizos, infraestruturas e benestar social

Ademais en Galiza preocúpanos a despoboación e o envellecemento pola baixa natalidade, por iso este goberno activou o Alto Comisionado polo Reto Demográfico e puxo en marcha políticas transversais para que, de xeito progresivo, a situación poida reverterse.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Teño que facer especial mención ás 84 deputadas e deputados destes meses de goberno de Pedro Sánchez, xa que valeron por 176. Fixeron un traballo incríbel pola cidadanía, en poucos meses e cunha minoría evidente. É o primeiro presidente que superou a trintena de decretos leis, mostra dun gran traballo en equipo e vocación polo servizo á cidadanía. O goberno de Pedro Sánchez devolveu a decencia á clase política.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

A experiencia no ámbito municipal ofrece unha visión próxima e directa da realidade. Nos últimos anos percíbese unha necesidade de adaptar as políticas a unha poboación marcada por una modelo de familia distinto. Cada vez máis, as unidades familiares están compostas por un único membro e dentro da radiografía poboacional galega atópanse moitas persoas maiores que viven soas. Ademais Galiza ten unha tarefa pendente co rural e co despoboamento.

Como ve as opcións do PSOE na cita electoral?

Son cauta coas enquisas xa que a porcentaxe de persoas indecisas é alta, así que considero que o golpe nas urnas virá determinado pola mobilización do electorado.

Que ninguén se quede sen exercer o seu dereito ao voto

Se o 28 de abril a xente sae á rúa a deixar o seu voto, a deixar claro o poder  da cidadanía e a impedir que o retroceso invada o país, entón será posíbel que teñamos as urnas cheas de avance e progreso. Depende de cada un de nós, que ninguén se quede sen exercer o seu dereito ao voto.

Comentarios