O Goberno galego estuda cal é a mellor quincena para realizar as eleccións coa mirada posta en xullo

“O estado de alarma non impide o dereito a voto”, di Núñez Feixoo


 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: David Cabezón)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: David Cabezón)

As eleccións galegas semellan estar cada vez máis perto. O Goberno galego está a estudar e valorar cal é a mellor semana ou quincena para que as galegas e galegos vaian ás urnas. O propio Núñez Feixoo afirmou esta sexta feria na súa comparecencia despois do Consello da Xunta que esa é, precisamente, “a incógnita”.

Preguntado polos xornalistas sobre os comicios, o líder do PP na Galiza quixo mandar unha mensaxe clara: “O estado de alarma non impide o dereito a voto, así o defenden moitos xuristas”. Un dereito que a cláusula do PNV para apoiar a prórroga do estado de alarma garante agora plenamente.

“Temos que acertar co momento sanitario para convocar ás urnas”,manifestou Feixoo. “Queda por despexar a incógnita de que quincenas ou semanas hai menos probabilidades dun rebrote”.

Preguntado por Nós Diario sobre se estaba riba da mesa que as eleccións fosen en xullo, Feixoo non o negou e volveu repetir: “Estamos intentando saber cal é a quincena con menos riscos”.

O presidente dixo que o seu compromiso era “comunicar” aos grupos da oposición “cal é a nova proposta razoada” de data para ir ás urnas.


 

Máis en POLÍTICA
Comentarios