O Ministerio de Industria desbota “expropiar ou nacionalizar” Alcoa

Avoga por unha solución “negociada” .
Vista da factoría de Alcoa en Cervo (Foto: Arxina).
photo_camera Vista da factoría de Alcoa en Cervo (Foto: Arxina).

O Ministerio de Industria desbotou esta cuarta feira a posibilidade de intervir Alcoa no sentido de “expropiación ou nacionalización” e ofreceu a súa “man tendida” aos traballadores e á multinacional para lograr unha “solución pactada e negociada” ao conflito que favoreza a todas as partes. 

O avogado do Estado que intervén en representación do Ministerio de Industria no proceso xudicial sobre a solicitude de medidas cautelares ante o ERE en Alcoa San Cibrao defendeu o seu papel de “mediador cualificado” na venda da multinacional do aluminio e “garantía ás partes” no proceso. 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acolle a audiencia sobre esta solicitude de cautelares, na que figuran como demandantes tres sindicatos (CCOO, UXT e CIG), mentres que Xunta e Goberno westatal interveñen como partes interesadas. 

A representación legal da multinacional Alcoa apelou á existencia de "perdas severas e recorrentes" para rexeitar as medidas cautelares expostas polos sindicatos, xunto ao comité de empresa da fábrica para paralizar o expediente de regulación de emprego (ERE) para 524 traballadores e impedir que a multinacional inicie o proceso de parada das cubas de electrolisis

Na súa intervención, o avogado da parte demandada -Aluminio Español S.A. e Alcoa Inespal Coruña S.L- cifrou en 170 millóns as perdas no últimos tres anos, incluídas as do actual exercicio, que cifrou en 58 millóns. "Nas que non está incluído o impacto da folga", precisou sobre as protestas dos traballadores. 

"Hai unha causa estrutural", dixo para xustificar o despedimento colectivo, do que rexeitou que obedeza a un "capricho". "Non se pode obrigar a Alcoa a vender si ou si", engadiu sobre o interese de Liberty House, cuxas esixencias para a compra cuestionou. 

"É razoable o que se pide", expuxo sobre as medidas cautelares o avogado do Estado, en representación do Ministerio de Industria, quen sobre a posibilidade de rearranque das cubas -defendida por Alcoa- puxo en dúbida que poida producirse "coa mesma calidade ou o mesmo nivel produtivo".

Osecretario xeral da CIG, Paulo Carril mantén que a solución definitiva non está no que decida o TSXG nin na resolución da impugnación do ERE que poida chegar dentro duns meses. “A solución está na intervención pública da fábrica e esa é unha decisión política que teñen que tomar o Goberno español e a Xunta de Galiza, atendendo ao clamor do pobo da Mariña pero tamén aos pronunciamentos a favor aprobados no Congreso español e no Parlamento galego”, aseverou.

"Un simple trágao por parte da empresa aos representantes dos traballadores", engadiu o letrado da Xunta sobre as negociacións. 

Tras a sesión celebrada na xornada de mañá, o presidente do comité de empresa de San Cibrao considerou un "fracaso como país" que se tivese que recorrer aos tribunais. Así, denunciou a " inacción de dous gobernos -en referencia a Xunta e Goberno español- que son os que teñen que intervir a empresa", volveu a pedir. "E dicir xa abonda a Alcoa", argumentou convencido de que lles concederán as medidas cautelares expostas. "Non se pode tirar ao cubo do lixo todas as propostas", dixo sobre as opcións de venda.

Comentarios