O Goberno español quere "fechar o consenso" sobre as pensións

Reunión cos axentes sociais (Europa Press)
photo_camera Reunión cos axentes sociais (Europa Press)

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, reunirase esta terza feira, 13 de outubro coa patronal e os sindicatos CCOO e UXT para comezar a abordar a futura reforma do sistema de pensións, xusto cando as negociacións da Comisión Parlamentaria do Pacto de Toledo finalizan.

A idea deste encontro, segundo fontes do Goberno español, é trasladar aos axentes sociais as propostas do Executivo, baseadas nas recomendacións coas que está a traballar o Pacto de Toledo, para coñecer a súa valoración respecto diso. Escrivá afirmou a pasada cuarta feira que prevé incluír a reforma de pensións no Plan Estatal de Recuperación, para recibir fondos coa idea de afrontar a crise da Covid-19, e que espera sacar do sistema público de pensións todos os gastos da Seguridade Social identificados como impropios até 2023. 

Un Plan moi avanzado

Escrivá asegurou que "non hai mellor momento para fechar o consenso" ao redor das pensións, recoñecendo que tanto o Congreso, no Pacto de Toledo, como o Goberno español, están "a acelerar" os seus traballos para "dar certeza e eliminar elementos de dúbidas".

"Temos que explicar que imos facer coas pensións, é unha das reformas estruturais que se identificaron e que nos piden desde Bruxelas", dixo, sinalando que, por tanto, "é moi oportuno" que o Pacto de Toledo estea "a punto" de fechar un acordo.

Ademais, asegurou que o Goberno español conta cun "plan bastante avanzado" que poderá "incorporar dentro dos plans que van ao Plan de Recuperación”. O ministro citou a desaparición do déficit do sistema e o mantemento do poder adquisitivo como os seus dous principais obxectivos. 

Os sindicatos piden derrogar a reforma 2013

Desde os sindicatos vese fundamental para abordar a reforma das pensións ter presente o acordo de 2011, asinado entre as organizacións sindicais e empresariais, que contemplaba o atraso da xubilación até os 67 de maneira gradual.

UXT e CCOO ven necesario derrogar a reforma de 2013, que desvinculaba a actualización das pensións do IPC, e eliminar o chamado factor de sustentabilidade, cuxa aplicación está suspendida até 2023.

Comentarios