O Goberno español non presenta a súa proposta na reunión telemática para salvar Alcoa San Cibrao por ser "confidencial"

O comité de empresa exixe máis "concreción" para saír da situación actual e a propia multinacional quere ter máis datos.
Imaxe da reunión telemática da reunión entre Goberno, Alcoa e sindicatos (Nós Diario)
photo_camera Imaxe de arquivo da reunión telemática anterior entre Goberno, Alcoa e sindicatos (Nós Diario)

A reunión multilateral entre Goberno español, Alcoa, Xunta da Galiza e comité, con presenza tamén de representantes das empresas auxiliares, tivo lugar onte nun contexto de presión social extrema pola incerteza do futuro da factoría en San Cibrao, Cervo. Cando falta unha semana para que remate a prórroga do período de consultas previo á execución do expediente de regulación de emprego (ERE) proposto pola multinacional e con todo o persoal da multinacional en San Cibrao, incluídas as auxiliares, en folga indefinida, a única posibilidade que quedaba de torcer a situación era ver que proxecto presentaba o Ministerio de Industria

Proposta do Ministerio e apoio da Xunta

Javier Losada, delegado do Goberno español na Galiza, adiantaba horas antes do encontro telemático que a proposta do Ministerio estaba pensada para facer "recapacitar" a multinacional para que "entre a formar parte da solución e non do problema". Na reunión desde o Ministerio non se quixo presentar unha proposta máis concreta que a achegada na anterior xuntanza asegurando que se trataba dun plan "confidencial".

Por parte da Xunta da Galiza Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria, aseguraba que o Goberno galego aprobara un plan para as industrias electrointensivas. "Declaramos este sector como estratéxico esencial e temos comprometidos os fondos que sexan necesarios para apoiar o desenvolvemento industrial de calquera proxecto en Alcoa San Cibrao", aseguraba aos medios antes de ter lugar a reunión multilateral. Afirmaba tamén que apoiarían calquera  proposta do Goberno español que fose "transparente".

O comité de empresa quere feitos, non palabras

Unha vez conseguida a prórroga para continuar as negociacións,  o comité de empresa reclamaba máis "concrecións", que deberían saír desta reunión multilateral. "O Goberno español debe detallar o seu plan industrial e enerxético", explicaba José Antonio Zan, presidente do comité de empresa, "mais ten que explicar como vai forzar a Alcoa a que dea marcha atrás e retire o ERE", engadía. 

Zan explicaba á Radio Galega horas antes da reunión que "Alcoa enrócase na súa postura" polo que "o Goberno o que ten que facer dunha vez por todas é explicarnos como facer para que Alcoa varíe en San Cibrao a súa postura e nos dea unha viabilidade a longo prazo". Desde o comité de empresa e a coordinadora de traballadoras e traballadores de empresas auxiliares de Alcoa San Cibrao veñen exixindo desde hai semanas a nacionalización ou, no seu caso, a intervención da factoría de aluminio para evitar a destrución de case mil postos de traballo que dependen dela na comarca da Mariña

Comentarios