Ayuso acode ao xulgado contra as medidas sanitarias

O Goberno español ordena confinar Madrid para tentar frear o coronavirus

A publicación no Boletín Oficial do Estado das novas medidas para combater o coronavirus adianta unha nova fase na xestión da pandemia. Mentres o confinamento de Madrid e doutras localidades da súa área metropolitana é cuestión de horas, Díaz Ayuso e o Partido Popular prepáranse para unha nova batalla contra o Goberno español.

metro madrid, coronavirus, confinamento
photo_camera O metro de Madrid no día de hoxe. (Foto: Nós Diario)

As propostas acordadas polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para enfrontar a pandemia responden a un pacto previo entre o Executivo do Estado e o Goberno madrileño. Segundo recolle o Boletín Oficial do Estado (BOE), as medidas estabelecen un réxime excepcional para aqueles concellos de máis de 100.000 habitantes que nos últimos 14 días teñan declarado máis de 500 casos de coronavirus. Asemade, o municipio debe presentar unha porcentaxe de positividade nas probas diagnósticas de infección activa realizadas nas dúas semanas previas superior a 10%. Ademais, a comunidade autónoma ao que pertenza o concello debe ter unha ocupación de camas da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) 35% superior á habitual.

A orde remitida aos Gobernos autonómicos está chamada a entrar en vigor nas próximas 48 horas e vai implicar a aplicación de restricións a diversas localidades madrileñas, onde o impacto do virus supera límites fixados polas autoridades sanitarias europeas e  españolas. Así dáse por feito o confinamento Alcalá de Henares, con 524,92 contaxios por 100.000 habitantes; de Alcobendas, con 979,15 contaxios por 100.000 habitantes; de Alcorcón, con 736,60 contaxios por 100.000 habitantes; de Fuenlabrada, con 1.165,72 contaxios por 100.000 habitantes; de Xetafe, con 773,28  contaxios por 100.000 habitantes; de Leganés, con 724,74 contaxios por 100.000 habitantes; de Móstoles, con 629,11 contaxios por 100.000 habitantes; Parla con 1.155 contaxios por 100.000 habitantes, e Torrejón de Ardoz, con 795,43 contaxios por 100.000 habitantes.

O confinamento da cidade de Madrid dáse por descontado. Segundo as últimas cifras ofrecidas polo Executivo de Díaz Ayuso, o número de contaxios na capital do Estado sitúase en 776,89 casos por 100.000 habitantes, superando 1.000 en varios distritos como Usera, Villaverde ou Puente de Vallecas. Ao tempo, as autoridades sanitarias do Estado sinalan que a pandemia aumenta de maneira máis acelerada nos últimos días naquelas zonas non suxeitas a ningún tipo de restrición, como o barrio de Salamanca, onde a incidencia acumulada pasa en 14 días de 310,1 por 100.000 habitantes a 743,8.

O alcance das restricións

As restricións recollidas no BOE para estes 11 concellos prohiben a entrada e saída dos residentes agás por cuestións laborais, de “coidados a persoas maiores, dependentes ou menores”, desprazamentos inescusábeis a entidades financeiras ou por “realización de exames”. Na mesma liña, redúcense as xuntanzas a un “máximo de seis persoas” e a circulación dentro destes concellos fica limitada “ao respecto das medidas de protección individuais e colectivas”. Porén, non se estabelece ningunha limitación para o uso dos parques infantís.

A normativa tamén fixa limitacións para espazos públicos. A capacidade dos lugares de culto restrínxese a un terzo da capacidade respectando a distancia de metro e medio, os funerais non poden xuntar máis de 15 persoas ao aire libre e 10 en sitios fechados e os locais comerciais deben limitar a súa capacidade a 50% e fechar ás 22 horas. Ao tempo, bares e restaurantes poden abrir co 50% da capacidade, non está autorizado o servizo en barra, as mesas deben gardar distancias de metro e medio e o horario de fechamento sitúase a 23 horas. Na mesma liña, academias, autoescolas e centros de ensinanza non regrada poden operar con capacidade de 50%, fixándose a mesma limitación para ximnasios e instalacións deportivas.

O réxime de control acordado para Madrid non se caracteriza pola súa dureza. De o comparar con outras capitais europeas o seu número de contaxio é moito máis elevado, xa que o número de positivos por cada 100.000 de Barcelona é de 176; en Londres, de 22, en París, de 251, en Roma, de 27 e en Berlín, de 26. Malia isto Londres impide reunión de seis persoas, París fecha ao público bares ás 22 horas e Roma non ten autorizada a apertura das discotecas desde marzo.

A entrada en vigor destas medidas adianta unha nova guerra de Díaz Ayuso co Executivo estatal. A posición da presidenta madrileña, apoiada na súa cruzada polo conxunto do Partido Popular e pola patronal, vai ter a súa primeira fronte no ámbito xudicial. A mandataria xa fixo pública a súa disposición de impugnar as medidas na xurisdición ordinaria, téndose promovida outra acción diante da Audiencia Nacional, que pode impedir a aplicación da orde gobernamental.

Unha conmemoración marcada polo coronavirus

Catalunya celebra o terceiro aniversario do referendo de 1 de outubro nun escenario marcado polo coronavirus. Os actos, convocados polas entidades sociais do independentismo, contan coa presenza das tres forzas nacionalistas nun escenario de unidade que recordou aos tempos do procés. A concentración principal decorrida en Barcelona signifícase pola presenza do anterior presidente catalán, Quim Torra, cuxa xestión da pandemia mereceu os parabéns xeneralizados da sociedade catalá. Neste sentido, desde os ámbitos sanitarios destacaron a súa decisión no combate contra o virus, até situar o índice de positivos en Barcelona en 176 casos por 100.000 habitantes e en 66 no conxunto de Catalunya, partindo dunha situación moi complicada a comezos do verán. A base do éxito de Torra contra doenza baseouse na aplicación dunhas medidas de distanciamento esixentes.

Comentarios