A vicepresidenta Nadia Calviño ve "absurdo e contrapoducente" abrir o debate sobre a reforma laboral

A vicepresidenta Nadia Calviño ve "absurdo e contraproducente" abrir un debate no marco da crise económica sobre derrogar a reforma laboral. As declaracións desta ministra do PSOE botán máis tensión no Goberno español logo de PSOE e Unidas Podemos asinaren con Bildu un compromiso para derrogar a reforma laboral do PP de 2012. 

A vicepresidenta e ministra económica Nadia Calviño no Congreso (Imaxe: Pool / Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta e ministra económica Nadia Calviño no Congreso (Imaxe: Pool / Europa Press)

"Absurda e contraproducente" ve a vicepresidenta Nadia Calviño a apertura dun debate no marco da crise económica sobre derrogar a reforma laboral. As declaracións da ministra económica do PSOE realizadas nesta quinta feira, 21 de maio, botaron máis tensións sobre a coalición de Goberno do Estado español e a súas relacións cos axentes sociais e políticos.

Precisamente, algúns medios sinalaron, seguindo fontes da Moncloa, a ministra Calviño como instigadora do comunicado que o PSOE enviou na medianoite da cuarta feira, 20 de maio, corrixindo o pacto rubricado entre este partido, Unidas Podemos e EH Bildu para derrogar integramente a reforma laboral antes de remataren as medidas extraordinarias adoptadas por mor da COVID-19. A cambio do compromiso, as abertzales abstivéronse na prórroga do estado de alarma. 

Nesa nota da medianoite, o PSOE daba por suprimido o primeiro punto do pacto:  o que aludía á derrogación íntegra da reforma. A nota do Partido Socialista facía ademais un copiado e colado do acordo de Goberno rubricado con Unidas Podemos en decembro, sinalando que se tombará unicamente a posibilidade de despedimento por absentismo causado por baixas por enfermidade, as limitacións ao ámbito temporal do convenio colectivo, facéndoo chegar máis aló das previsións contidas no mesmo, tras a finalización da súa vixencia e até a negociación dun novo e a prioridade dos convenios de empresa sobre os de carácter sectorial.

Adriana Lastra, portavoz do PSOE e asinante do pacto con Bildu, volveu dicir nesta quinta feira o que xa dixera hai meses a ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Unidas Podemos), sinalando que tecnicamente non se podería facer unha derrogación íntegra da reforma e reivindicou o seu compromiso por eliminar "de maneira urxente"  todos os aspectos da reforma lesivos para as traballadoras. Pola súa banda, o vicepresidente Pablo Iglesias anunciou esta quinta que "a reforma será derrogada ao completo e non parcialmente".

En calquera caso, para a deputada de Bildu, Mertxe Aizpurua, alén das matizacións que o PSOE faga o acordo está asinado e está vixente, valorou.  
 

A patronal abandona o diálogo co Goberno ante o acordo con Bildu

O presidente da confederación empresarial CEOE, Antonio  Garamendi, anunciou esta quinta feira, 21 de maio, que a patronal daba por suspendido o diálogo social, após Goberno estatal pactar con Bildu a derrogación da reforma laboral. Na mesma liña situouse a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), afirmando que o acordo subscrito coas abertzales "destrúe" o diálogo social e advertiu de que a súa aplicación implicará "perdas para a economía".

O sindicato UXT amosou o seu apoio a tombar reforma e pediu ás patronais "moita mesura" e que non romper o diálogo.

Nun breve comunicado, CCOO sinalou que o acordo con Bildu reproduce o pacto de investidura: derrogar as medidas laborais do PP de 2012.

Precisamente o sindicato nacionalista CIG instou xa en xaneiro a ministra de Traballo a derrogar "integramente" a reforma laboral.  

Comentarios