O Goberno español aproba unha nova reforma educativa que acabará coa 'Lei Wert'

PSOE e Podemos sacan adiante a 'Lei Celaá' cos apoios de ERC, PNV e Más País. Esta norma ten o apartado que está creando a polémica arredor do uso do galego no ensino.
A ministra de Educación, Isabel Celáa, á saída do pleno que deu luz verde á súa reforma (Foto: David Castro / Europa Press)
photo_camera A ministra de Educación, Isabel Celáa, á saída do pleno que deu luz verde á súa reforma (Foto: David Castro / Europa Press)

O pleno do Congreso aprobou esta quinta feira, 19 de novembro, o ditame da comisión de Educación sobre a Lomloe, a reforma educativa coñecida xa como 'Lei Celaá', e fíxoo cos votos a prol das formacións que compoñen o Goberno -PSOE e Unidas Podemos-, así como cos de ERC, PNV, Compromís e Más País. O texto obtivo 177 apoios, é dicir, maioría absoluta da Cámara, requirimento preciso para modificar unha lei orgánica. Votaron en contra as e os 148 deputados do PP, Ciudadanos, Vox, Coalición Canaria, CUP, PRC e UPN. Por tanto, a iniciativa será remitida ao Senado para continuar co seu trámite parlamentario.

O BNG abstívose, ao igual que EH Bildu, Junts e Teruel Existe. O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, admitiu que se producen avances en relación coa 'Lei Wert', mais sinalou que "son insuficientes" como para dar un aprobado a esta reforma que "fica curta" en cuestións "fundamentais" como o fortalecemento do ensino público, a limitación do concertado, a laicidade, as garantías de financiamento, a redución de ratios, a gratuidade dos servizos complementarios, a elección democrática das direccións ou a mellora das condicións do persoal docente.

Tamén a deputada abertzale Isabel Pozueta recoñeceu que a nova lei non é o instrumento que necesita Euskadi porque queda "curta", aínda que admitiu que partilla o obxectivo de derrogar a Lomce.

O ditame que se aprobou recolle algunhas das emendas aprobadas nas últimas semanas e que xeraron forte enfado na dereita española como é a consideración dos idiomas cooficiais no Estado como linguas vehiculares nos Països Catalans, Galiza ou Euskal Herria.

Ante isto, o PP, Cs e Vox xa anunciaron que levarán a nova lei ao Tribunal Constitucional para tombala e o presidente dos populares, Pablo Casado, estampou a súa sinatura nos pregos de firmas contrarios á lei que o PP está comezando a circular polo Estado.

O texto tamén inclúe outros cambios como o aumento de prazas públicas na educación de 0 a 3 anos, a oferta "suficiente" de prazas públicas, que a materia de relixión non conte para as notas medias, a prohibición de que os concertados segreguen por sexo, a cesión de solo público exclusivamente á construción de centros de titularidade pública, a fixación da "excepcionalidade" da repetición de curso, a inclusión dunha cuarta modalidade de bacharelato máis xeral, ou a derivación de alumnado de centros de Educación Especial a centros ordinarios no prazo de 10 anos.

Após o debate, houbo un parón de case tres minutos durante o que os deputados do PP e Vox e algúns de Cs deron golpes nos seus escanos e gritaron 'liberdade' para reclamar que o español sexa a lingua de peso no ensino.

Comentarios