Incorpora proposta dos detractores

Goberno colombiano e as FARC asinan un novo acordo de paz

Após o “non” no plebiscito do 2 de outubro, delegados do Goberno colombiano e das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC-EP) asinaron o pasado sábado, 12 de novembro, o acordo definitivo para a paz, un documento en que incorporaron as propostas das persoas detractoras.

Referendo Colombia
photo_camera Referendo do 2 de outubro

“Acadamos un novo acordo final para rematar o conflito armado que integra cambios, precisións e achegas dos máis diversos sectores da sociedade e que revisamos un a un”. Así anunciaban o documento definitivo para a paz en Colombia o Goberno e mais as FARC nun comunicado conxunto.

Recompiláronse iniciativas de quen impulsou o "non"

Segundo o xefe da delegación do Goberno colombiano, Humberto de la Calle, recompiláronse as iniciativas de quen impulsou o “non” –movemento cuxa cabeza visíbel foi o ex presidente Álvaro Uribe- para as incorporar ao novo acordo de paz. Deste xeito, máis de 500 propostas organizadas en 57 eixos temáticos foron discutidas en La Habana nun documento que contempla cambios substanciais a respeito do primeiro.

Modificacións

Entre as mudanzas que recolle o novo acordo salienta o feito de que as FARC terán que entregar e declarar todos os seus bens, que se usarán para reparar as vítimas. Aliás, o tribunal de paz deberá fixar os espazos das penas e o lugar de residencia na sanción, así como sinalar a periodicidade sobre o cumprimento de sancións.

Segundo este novo documento, as ONG non poderán actuar como fiscais nin acusar, senón que terán que presentar información que será contrastada polas autoridades. Tamén se recolle que todos os xuíces do tribunal de paz serán colombianos e terán as mesmas calidades dos maxistrados das cortes.

O partido que xurda das FARC non poderá incluír candidatos para espazos cedidos a partidos campesiños ou outros sectores minoritarios

O respecto á propiedade privada; a creación dunha comisión de persoas expertas para revisaren temas agrarios; a entrega obrigada de información sobre o narcotráfico de maneira detallada para atribuír responsabilidades e a importancia dos principios de igualdade e non discriminación foron incorporados no texto.

A respeito das FARC, acordouse que o partido que xurda do grupo non poderá incluír candidatos para espazos cedidos a partidos campesiños ou outros sectores minoritarios. Aliás, reduciuse desde o primeiro ano o 30% do financiamento ao partido das FARC.