Internacional

O Goberno español aproba unha desescalada por provincias, controlada desde Madrid e que comezará o 4 de maio

Pedro Sánchez avanzou que o Goberno español solicitará no Congreso das Deputadas unha nova prórroga de 15 días para o estado de alarma a partir do día 10 de maio. Porén, a desescalada comezará o 4 de maio en todo o Estado. 
Reunión do Consello de Ministras (JM Cuadrado/Moncloa).
photo_camera Reunión do Consello de Ministras (JM Cuadrado/Moncloa).

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, vén de anunciar que o Estado logrou "dobregar a curva de contaxios" e que o Consello de Ministras aprobou esta terza feira un "plan para a transición cara a unha nova normalidade" co obxectivo de "recuperar a cotidianidade" para "acceder a unha nova normalidade" mentres non haxa unha vacina para a COVID-19. 

A desescalada, segundo explicou Sánchez, será "gradual" a medida que vaian diminuíndo os contaxios por coronavirus; "asimétrica", pois "cada territorio ten unhas circuntancias diferentes"; e "coordinada", porque van "traballar coas distintas Administracións". 

Así mesmo, Sánchez avanzou que o Goberno español solicitará no Congreso das Deputadas unha nova prórroga de 15 días para o estado de alarma a partir do día 10 de maio, cando remata o período actual "para abordar definitivamente a transición". 

Este plan é o "resultado dun traballo colaborativo e compartido entre distintas institucións xuntos ás representantes das empresarias, sindicatos e a sociedade civil en sentido amplo". 

O proceso de desescalada rematará a finais do mes de xuño 

A "unidade" para esta desescalada serán as "provincias ou illas" do Estado. Poderá haber "excepcións se o solicitan os Gobernos territoriais e o aproba o Goberno", segundo apuntou o presidente. 

O Ministerio de Sanidade coordinará a desescalada de todo o Estado. "O Goberno vai coordinar e os diferentes territorios van xestionar as medidas", abundou Sánchez. 

A vindeira fin de semana se poderá realizar actividade física ao aire libre e dar paseos coas persoas coas que se convive. O 4 de maio comezará a primeira fase da desescalada en todos os territorios do Estado, agás varias illas de Canarias e Baleares, que irán por diante no desconfinamento. 

Catro fases de desescalada

Pedro Sánchez describiu que haberá "catro fases" nesta desescalada cara a unha "nova normalidade" após a crise do coronavirus. 

O vindeiro 4 de maio vaise iniciar a "fase cero ou de preparación" na que, ademais das medidas de alivio xa anunciadas, se permitirá a "apertura de locais e estabelecementos con cita previa para atención individual das clientes", como restaurantes con servizo de comida para poder levar a domicilio sen consumo no local. Así mesmo, van permitir a apertura de "adestramentos individuais de deportistas profesionais e federados e o adestramento básico de ligas profesionais".

O pequeno comercio e as terrazas de locais de restauración abren a partir do 11 de maio

O Goberno conta con que unha semana despois, o día 11 de maio, todos os territorios do Estado pasen á "fase un ou inicial". En función dos criterios permitirase o inicio parcial de certas actividades, a "apertura do pequeno comercio baixo condicións estritas de seguridade", excepto dos centros ou grandes parques comerciais "onde son máis probábeis as aglomeracións".

En restauración, nesta fase un van abrir as "terrazas con limitacións de ocupación até o 30 por cento", e os hoteis e de aloxamentos turísticos "excluíndo zonas comúns e con determinadas restricións que se exporán nunha orde polo Ministerio de Sanidade".

Ademais, o sector agroalimentario e pesqueiro recuperarán as actividades nas que mantiñan restricións. Os lugares de culto poderán abrir limitando o aforo a un terzo. E haberá un "horario preferente para as maiores de 65 anos, que son o colectivo máis vulnerábel á COVID-19".

O agro e a pesca recuperan as actividades restrinxidas polo coronavirus

O Executivo de Pedro Sánchez conta con que cada fase teña unha duración de "dúas semanas" e será o Ministerio de Sanidade o que decida que provincias progresan de fase na desescalada en función de "criterios obxectivos". "Na desescalada non imos avanzar todos á mesma velocidade, pero farémolo coas mesmas regras. Avanzaremos en cada lugar en función de como remitan os contaxios", salientou o presidente. 

Xa na "fase dúas ou intermedia" abrirá o "espazo interior" dos locais de restauración coa limitación de aforo a un terzo, garantías de separación e só para servizo de mesas.

Aínda que o curso escolar comezará en setembro, nesta segunda fase recóllense excepcións con tres propósitos: "actividades de reforzo", "garantir que os menores de seis anos poidan acudir se ambos proxenitores teñen que traballar presencialmente" e "para celebrar as probas de acceso á univerisdade ABAU".

O desconfinamento contempla a reapertura de cinemas e teatros

Poderán volver abrir as salas de cinema, teatros, auditorios e espazos similares con butaca preasignada e a limitación de aforo dun terzo. Tamén poderán visitarse monumentos e equipamentos culturais como salas de exposicións ou salas de conferencias cun terzo do aforo habitual.

Estarán permitidos os espectáculos culturais con menos de 50 persoas en lugares fechados cun terzo do aforo e ao aire libre serán posíbeis cando congreguen a menos de 400 persoas a condición de que sexa sentado.

A "terceira fase ou avanzada" está prevista que sexa a última e chegará cando se cumpran os marcadores ditados por Sanidade. Flexibilizarase a mobilidade xeral, mais coa recomendación de uso de máscaras de protección fóra do fogar e dos transportes públicos.

No eido comercial o aforo ficará limitado ao 50% e fixarase unha distancia mínima de dous metros. Na restauración "flexibilizaranse as condicións de aforo e de ocupación, aínda que con estritas condicións de separación entre o público".

Criterios do desconfinamento

"As restricións económicas e sociais rematarán cando chegue a nova normalidade, pero seguirán os controis desde un punto de vista sanitario", aseverou Pedro Sánchez, quen apuntou a finais do mes de xuño para o remate da desescalada. 

Os territorios pasarán de fase por criterios sanitarios e epidemiolóxicos

"No mellor dos casos todo vai durar mínimo 6 semanas en cada territorio, e a duración máxima queremos que sexa de 8 semanas para todo o Estado. A finais de xuño estaríamos como país na nova normalidade", describiu. 

Os criterios segundo os que se avanzará nesas catro fases serán "públicos" e "de tipo sanitario e epidemiolóxico". Unha serie de "marcadores" que disporán en que lugar se atopa cada territorio para poder avanzar. 

Neses "criterios obxectivos" para o avance xogarán un papel "primordial" a atención primaria, a capacidade dos hospitais e das camas de UCI, a situación epidemiolóxica, a implantación de medidas de protección colectiva en calquera espacio público e a situación económica de cada territorio. 

Comentarios