A defensa popular do patrimonio

Unha macrogranxa de polos ameaza, na densa área rupestre que rodea o monte Farelo, na Ulloa, un valioso conxunto de petróglifos. Na Mariña, o castro da Punta de Benquerencia foi utilizado como aparcadoiro. Foron activistas de base quen contribuíron a que estes feitos trascendensen. E son elas e eles os que están conseguindo, ante a “desidia” da Xunta, situar os problemas na axenda pública. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 314 de Sermos Galiza.

[Imaxe: Cedida] Obras da macrogranxa en construción
photo_camera [Imaxe: Cedida] Obras da macrogranxa en construción

6“En termos cuantitativos, é difícil determinar se hai máis ataques contra o patrimonio”, expón o xornalista, escritor e divulgador Manuel Gago, “o que si hai é máis información, máis alarma e máis comunicación sobre o que sucede”. Cristina Varela pertence ao Instituto de Estudos da Ulloa. A asociación foi a que deu o aviso das obras que, situadas a menos de 200 metros de petróglifos catalogados, incumpren o artigo 38 da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galiza. “A lei serve en teoría para protexer, pero se un arqueólogo consigna a viabilidade, abonda”, di con certa resignación. A Dirección Xeral de Patrimonio vén de comunicar que os permisos e licenzas da granxa están en regra e co seu “informe favorábel”. Malia a evidente infracción do “contorno de protección subsidiario” das estacións rupestres do Farelo.

Manuel Miranda, da asociación A Mariña Patrimonio, concorda con Gago na ollada xeral. “Existe máis preocupación polo patrimonio. Creáronse moitas asociacións e hai moitas persoas involucradas”, di, e engade: “Non creo que aumentasen os ataques ao patrimonio, é que se saben máis”. De feito, A Mariña Patrimonio foi a agrupación que denunciou publicamente no inicio de agosto o aparcadoiro de autocaravanas no castro de San Pedro de Benquerencia.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 314 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios