Entrevistamos Pablo López (GCiencia)

«Pensabamos que a ciencia podía ter un público, mais non imaxinabamos que até tal punto»

Após GCiencia recibir o premio Prismas de divulgacion científica na categoría de Novos Medios, Sermos Galiza conversa con Pablo López, alma máter do proxecto canda Eduardo Rolland.

Pablo López (esquerda) e Eduardo Rolland (centro) reciben o premio Prismas (GCiencia)
photo_camera Pablo López (esquerda) e Eduardo Rolland (centro) reciben o premio Prismas (GCiencia)

O proxecto de divulgación científica en galego da web GCiencia vén de recibir o premio Prismas, o maior recoñecemento do Estado español nesta disciplina, outorgado polos Museos Científicos Coruñeses. O xurado destacou a «linguaxe amena, popular e rigorosa» dos artigos, que comentan «con regularidade todas as noticias máis importantes que se producen no mundo da ciencia», cunha perspectiva que pon claramente o foco na Galiza.

O galardón, cunha dotación de 4.000 euros súmase a outros recoñecementos como o Premio de Xornalismo Dixital do Foro da Comunicación de Galiza (2015), o Premio Galiza de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias (2017), o Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (2019) e o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña (2019).

Que os levou a pór en práctica a plataforma GCiencia?

GCiencia medra a un ritmo imparábel

Gciencia naceu en 2013 porque pensabamos que había espazo para un novo medio centrado en temas científicos, dado que na Galiza existía unha importante actividade investigadora que na nosa opinión non estaba ben recollida nos medios tradicionais. Pensamos en facelo, ademais, en galego, coa idea de achegar ese principio da divulgación científica que consiste en facer a ciencia entendíbel para o máximo número de persoas. Non ciencia para científicos, senón para o público en xeral. Pensamos que a nosa lingua era importante nesa estratexia. Así, Eduardo Rolland e mais eu conseguimos unha pequena axuda do Colexio Profesional de Xornalistas e outra do Ministerio. Deste xeito comezou esta «condena» de pór en marcha un proxecto no que levamos xa tanto tempo e que nos está a dar tantas alegrías.

De onde ven o seu interese pola divulgación científica?

Tanto Rolland coma min, como lectores, sempre estiveramos relacionados dunha maneira ou outra coa divulgación científica. Porén, foi Eduardo quen expuxo que a posibilidade de facermos este medio nestas condicións, porque eu pensaba nunha cousa máis xenérica. Eu viña doutros sectores da prensa, como a política ou o social, nunca estivera vinculado á información científica. El si, polo que xuntamos o seu coñecemento co meu, e desa mestura saíu unha cousa que se chama GCiencia que está funcionando moi ben.

Máis que sobrevivir á crise, GCiencia naceu no seu peor momento

Como valoran estes seis anos de traballo, nos que conseguiron sobrevivir á crise?

Máis que sobrevivir á crise, GCiencia naceu no seu peor momento. En 2013 non se falaba doutra cousa, era monotemático: crise e recortes. Ese foi o desafío, nunha crise específica dos medios de comunicación, que estaban atravesando unha tormenta perfecta non só pola situación económica xeral, senón pola transición do modelo dixital que, mesmo a día de hoxe, non se resolveu de todo. Nós vimos que internet, máis que un inimigo, tiña que ser un amigo, pois estaba aquí para quedar. Daquela, o mellor que podiamos facer era levármonos ben con el. Por iso, nós, que dalgún xeito eramos vítimas desa crise dos medios, pois viñamos traballando en El País ou La Voz de Galicia, decidimos apostar por un medio dixital, que, alén das desvantaxes que poida ter, non precisa moito investimento para pór en marcha o proxecto. O que invertemos foi tempo, en cantidades inxentes. Ao principio foi difícil, pero cos anos, o feedback da xente que te le –unha característica de internet– ensinounos que realmente tiña un interese co que non contabamos nin nos nosos mellores soños. Pensabamos que a ciencia podía ter un público, mais non imaxinabamos que até tal punto. Os nosos temas teñen un percorrido enorme, non hai máis que ver os datos de tráfico ou a nosa comunidade de seguidores nas redes sociais. Medra a un ritmo imparábel.

Redacción de GCiencia (GCiencia)Neste sentido, o premio Prismas, un dos maiores recoñecementos a nivel estatal, que supón para o proxecto?

Para nós é incríbel porque, cando comezamos, sempre brincabamos coa idea de gañar un Prismas como algo inalcanzábel para nós, que eramos un medio pequecho nos seus inicios. Recibilo este ano foi unha alegría enorme, pois é o premio máis prestixioso da divulgación científica en España. Ademais é un orgullo que, á parte de que se lle conceda a un medio en galego, sexa un premio que se fai na Galiza, nunha cidade como A Coruña, cos seus tres museos científicos, cun cuarto que non é municipal, senón estatal. Este premios levan 32 anos facéndose. Este fin de semana, cando o recollemos, estabamos que non cabiamos de gozo. Coñecemos a elite da divulgación científica de España, que estaba alí reunida. Para nós é un antes e un despois. 

Cando comezamos, sempre brincabamos coa idea de gañar un Prismas como algo inalcanzábel

Que nos depara GCiencia no futuro? 

O noso interese é seguir mantendo un crecemento sostíbel e sostido, como estamos facendo. Non pretendemos medrar de golpe, senón seguir pouco a pouco contratando xente. Cada vez somos máis traballando aquí e temos novas iniciativas vinculadas coa ciencia. De feito, no mes de decembro (seguramente a 17), comezaremos cun novo proxecto dixital do que, polo momento, non podo adiantar moito, mais penso que vai ser de interese do público. Por outra parte, a nosa intención é continuar a facer divulgación fóra de GCiencia. A web é a marca, pero tamén facemos outras cousas baixo ela, por exemplo un premio de comunicación científica para alumnado universitario das facultades de comunicación das tres universidades galegas, o día da muller e da ciencia co concello de Pontevedra, obradoiros científicos para crianzas, o Galiza Spin Off, a Semana da Ciencia...  A nosa idea é seguirmos a fortalecer esa parte da información científica que non é xornalística. A divulgación hai uns anos era a irmá pobre dos medios, practicamente non existía, non tiña este prestixio ou importancia que está acadando agora.

Comentarios