Su Garrido Pombo faise co premio Narf da Deputación da Coruña

A súa voz e a súa guitarra valéronlle a Su Garrido Pombo o X Premio Fran Pérez Narf de artistas e grupos musicais da Deputación da Coruña, que recoñeceu co segundo posto a banda Néboa.

Su Garrido2
photo_camera A premiada, xunto Xurxo Souto e Goretti Sanmartín

O xurado admitiu “suar” para elixir a gañadora do X Premio Fran Pérez Narf de artistas e grupos musicais da Deputación da Coruña dada a alta calidade das bandas. Por iso, se cabe, é aínda maior a satisfacción de Su Garrido Pombo ao facerse co recoñecemento dun concurso en que ficou en segundo posto a banda Néboa.

“A emoción, a calidade e o proxecto musical” decantaron a balanza a favor de Su Garrido Pombo, da aldea de Traspielas (Fornelos de Montes). Música e compositora, o seu estilo comprende diversos xéneros como o jazz, latin, bossa ou folc. Foi a súa aboa quen lle ensinaba as cancións dos seráns e tamén as que escoitara na radio, boleiros, pasodobres ou rancheiras. Máis tarde, estudou guitarra en Vigo, no conservatorio Mayeusis e licenciouse en Historia e Ciencias da Música e Historia da Arte na USC, Salamanca, Granada e Florencia. A súa música levouna a diferentes países de Europa e América, primeiro como membro do grupo folc Lembranzas Galegas e despois como vocalista do grupo Sonhos. “Cantar é o acto máis subversivo e marabilloso que podemos facer”, declaraba a gañadora ao recibir o premio.

Premios

Alén de 3.000 euros, Su Garrido Pombo participará nunha programación específica de apoio á difusión da súa música promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña que consistirá nun programa de tres festivais ou eventos culturais de referencia no panorama galego. A participación nesta iniciativa de difusión musical é tamén parte do grupo Néboa, que recibe 2.000 euros. A banda, de Caldas de Reis, está integrada por Lucas Martínez Suárez de Centí, no vibráfono, teclados e electrónica; Jacobo García Lafuente, no baixo, teclado e electrónica; Tomás Porteiro Abuín, na guitarra eléctrica e voz, Aloia López Ferro na voz, Sandra Pérez Míguez na percusión e Alex Rodríguez Lázaro á batería.

Néboa autoeditoron en 2015 o seu primeiro disco, “Antes da tormenta" e iniciaron unha intensa actividade con concertos ao vivo. A principios de maio do 2018 gravaron “Lisboa 5AM”, a súa primeira canción en portugués, como single dixital. Xunto con ela tamén publicaron “Sigue sigue”. Estas dúas cancións foron gravadas na Coruña en agosto do 2017 nos Estudos Mans, a raíz do premio que lles permitiu tocar no Festival Sinsal na Illa de San Simón.

A banda Oh! Ayatollha situouse en terceiro lugar con 1.500 € e A banda da loba e Zumaque Trío ocuparon o cuarto e quinto postos con 1.000 € e un empate en puntos segundo fixo constar o xurado, que estivo integrado por Brais Morán Mato, Isaac Gónzalez López, Mar Catarina Serantes, Xurxo Souto e a gañadora da anterior edición, Camille Hédouin, Mounqup. Foi presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, coa xefa de servizo da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria.

A Sala Sónar de Santiago acolleu a final na noite da sexta feira. Un acto en que, ademais de facerse público o resultado do concurso, houbo fondas palabras de lembranzas para o músico que leva o nome do certame, Fran Pérez Narf. Goretti Sanmartín salientou no transcurso da final que o concurso, xa consolidado, é un escaparate da calidade da música que se está a facer na Galiza, con propostas variadas e sólidas.

Comentarios