AUTODETERMINACIÓN

A Garda Civil envía 350 axentes máis a Catalunya nas vésperas da sentenza do xuízo ao 'procés'

Os efectivos dos Grupos de Reserva e Seguridade sumaranse ao dispositivo deseñado polo Ministerio do Interior español en apoio aos Mossos d'Esquadra.

xuizo catalunya
photo_camera Unha imaxe do xuízo ao "procés" (Cedida)

O Ministerio do Interior español ordenou que efectivos de todos os Grupos de Reserva e Seguridade (GRS, coñecidos popularmente como antidisturbios) que a Garda Civil ten despregados por todo o Estado comecen a trasladarse a Catalunya. En total, segundo informa Europa Press, serían un total duns 350 axentes.

O obxectivo do Goberno español sería o de reforzar os GRS 4 (os gardas civís que xa están en Catalunya) e aos Mossos d'Esquadra para facer fronte a posíbeis incidentes, coincidindo coa sentenza do Tribunal Supremo contra os líderes políticos do 'procés'.

Segundo o diario El Confidencial, citando fontes da Garda Civil á súa vez notificadas polo Tribunal Supremo, a sentenza farase pública entre o 11 e o 14 de outubro. Este mesmo medio afirma que se solicitou aos axentes un estabelecemento "silencioso, discreto e pacífico", que "non contribúa a aumentar a crispación xa existente" en Catalunya.

Comentarios