Os gandeiros estenden e intensifican bloqueos e mobilizacións no quinto día de protesto

As accións dos produtores amplíanse a Lalín, Vilalba, Sarria ou Monforte. Ademais de Carrefour e Alcampo, tamén se protestará ante áreas comerciais de Lidl, Eroski e DIA. Na cidade lucense centos de persoas manifestáronse en apoio ao sector.

Folga do leite

Os gandeiros xa anunciaran que as mobilizacións que encetaban o pasado 10 de decembro eran con carácter indefinido, ata lograr uns prezos xustos para o leite. Esta segunda feira, quinto día de mobilizacións, os bloqueos e protestos esténdense e intensifícanse. É moito o que está en xogo, lembran os produtores, que insisten en que mentres se lles pague o litro de leite por baixo dos 27 céntimos (os custos de produción superan os 33) están cunha corda ao pescozo.

LugoAté agora os focos do protesto concéntranse en Lugo (centos de tratores en torno á muralla) e A Coruña (no Carrefour e Alcampo). A partir desta segunda feira, e impulsadas pola Plataforma en defensa do sector lácteo galego, esténdese a outras localidades: Lalín, Silleda, Monforte e Sarria, como indican desde 'Campo Galego'. Procederase a bloquear áreas comerciais de DIA, Eroski e Lidl, para denunciar que non se cumpren nin os mínimos establecidos no acordo asinado o pasado mes de setembro. O exemplo que máis irrita os produtores é que os entre 4 e 6 céntimos que aumentaron o prezo do leite algunhas supercicies non foi para que eses cartos chegasen aos gandeiros, senón que ficaron nos petos das áreas comerciais.

En Lugo, e convocados por Agromuralla, centos de persoas marcharon pola cidade exixindo prezos xustos para o leite e o cumprimento do acordo asinado en setembro.

Imaxes manifestación Lugo: @revistaafriga

Comentarios