60% dos votos

Luis Villares gaña as primarias de En Marea

A candidatura 'Coidando a Casa' impúxose á de 'Entre todas' nas votacións celebradas esta fin de semana ao obter case 60% dos apoios (1.596 sufraxios). A lista liderada por David Bruzos logrou o voto de 1.098 persoas inscritas (40,7%). Esta candidatura esixe unha auditoría independente antes da proclamación definitiva dos resultados: "Denunciamos indicios claros de falta de imparcialidade".

 

coidando a casa
photo_camera coidando a casa

Luis Villares gañou as primarias de En Marea. O actual portavoz da organización e do grupo parlamentar obtivo máis apoio das persoas inscritas para poder votar que o rival nas urnas, David Bruzos. 'Coidando a Casa' atinxiu 59,2% dos votos, 1.596 sufraxios, por 1.098 obtidos por Entre Todas (40,7%). Son datos provisionais que están a ser auditados. Máis de 4.500 persoas estaban inscritas para participar neste proceso, sendo a participación de 56%.

A pregunta agora, unha vez coñecido este resultado, é se as costuras de En Marea resistirán ao vivido nestas semanas e o acumulado ao longo de todos estes meses: dous sectores enfrontados e que semellan irreconciliábeis, os 'villaristas' (partidarios da actual dirección e do seu portavoz) e 'críticos' (Podemos, Esquerda Unida, gran parte de Anova e as marés de cidades como Compostela ou A Coruña).  De fondo, discrepancias importantes, tanto estratéxidas, ideolóxicas e políticas como á hora de entender a propia organización. Moitos dan En Marea por rota.

Cos resultados desta segunda feira na man, o sector de Luis Villares terá 21 dos 35 representantes do Consello das Mareas, e os críticos  14

Entre Todas, unha vez que se coñeceron os resultados provisionais, esixe unha auditoría independente antes da proclamación definitiva dos resultados. "Denunciamos indicios claros de falta de imparcialidade: o reconto dos votos fíxose sen presenza dos interventores de Entre Todas e as votación non están auditadas e rexistráronse numerosos incidencias que impediron o voto de moitas inscritas", indica a candidatura nun comunicado. Entre Todas afirma que non desbota tomar medidas legais "pola vulneración dos acordos do Plenario do 27 de outubro". David Bruzos, en declaracións para a TVG, dixo que "non sabemos até que punto ese resultado é real".  

 

"Por responsabilidade", explican no mencionado comunicado, "decidimos participar nunhas eleccións absolutamente intervidas pola Coordinadora de Luís Villares que estaba en funcións, marcada por unha campaña sucia baseada en mentiras e polo boicot ao Comité Electoral saído do Plenario do 27 de outubro".

Desde o comité electoral, porén, afirmaron esta segunda feira que o proceso de primarias foi xusto e "moi garantista". Daniel Conde e Manuel Fernández, do Comité Electoral, afirmaron que o proceso desenvolveuse "sen incidencias de consideración", e as que houbo foron resoltas polo soporte técnico practicamente en tempo real.

 

Após se coñecer os resultados, Luis Villares afirmou nas redes sociais que "no traballo para transformar Galicia non sobra ninguén", e agradeceu "a todas as que participastes nas primarias".

A decisión de manter a candidatura dos críticos para as primarias desta fin de semana xerou un intenso debate no seo deste sector. De feito, unha das súas ponlas, Esquerda Unida, decidiu non participar nas votacións, por entender que non se daban as garantías "democráticas" mínimas. Unha opinión que tamén era partillada por parte de Podemos. Criticaban o cesamento de tres membros do comité electoral e expresaban dúbidas sobre o cambio dom sistema para auditar as votacións.  

Agora ábrese até a cuarta feira (día 26) un prazo para presentar alegacións ou reclamacións sobre proceso e resulyado. O 26 procederase á provlamación definitiva dos resultados.

Comisión de garantías

Nestas primarias tamén se votaba para elixir membros da comisión de garantías: Os cinco membros máis votados son da candidatura 'Coidando a casa'. Segundo consta na web de En Marea, a comisión de garantías é un órgano colexiado composto por cinco persoas elixidas democraticamente seguindo o criterio de paridade de xénero. En ningún caso actuarán de oficio, senón a instancia de parte. É o garante e o intérprete da normativa interna e dos acordos plenarios.

Este sábado constitúese o Consello das Mareas, 35 integrantes, e o comité de garantías. Será unha boa oportunidade para testar a disposición de ambas as dúas partes a acordos e a continuar no mesmo proxecto. Cos resultados desta segunda feira na man, o sector de Luis Villares terá 21 dos 35 representantes, mentres que os críticos terán 14. 

Comentarios