Imprimir

Galiza é o territorio europeo con máis hectáreas arrasadas por incendios nesta década

Redacción / Europa Press | 14 de febreiro de 2020

É unha das conclusións dun estudo internacional do que fai parte a Universidade de Santiago de Compostela

Galiza é o territorio europeo con maior densidade de incendios e máis hectáreas arrasadas na última década. Esta é unha das conclusións dun estudo internacional no que colaborou a profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Mosquera.

Así mesmo, este estudo demostra que as tarefas agrícolas e forestais reducen o risco de incendios na Europa mediterránea, para alén de favorecer un uso sostíbel da terra.

O estudo, publicado pola revista científica Agroforestry Systems, trata os beneficios que reportan os sistemas agroforestais a escala global, segundo informou a USC nun comunicado.

Este estudo demostra que as tarefas agrícolas e forestais reducen o risco de incendios

Ademais, Rosa Mosquera destacou que as prácticas agroforestais e silvopastorís favorecen a economía circular. É dicir, a conservación da biodiversidade, o aproveitamento do territorio, a fixación de poboación relacionada coa súa explotación, o crecemento máis rápido das árbores e unha maioralidade da madeira.

A investigación, na que tamén participaron investigadores de Italia, Grecia, Portugal e Reino Unido, entre outros, forma parte do Sétimo Programa Marco da UE para a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico desenvolvido entre 2014 e 2017.

O obxectivo deste programa é o fomento das prácticas agroforestais para o desenvolvemento rural en Europa a partir da mellora das explotacións agrícolas, como sinalou a USC.

Modelos de aldeas

Por outra banda, Rosa Mosquera sinalou que o grupo de investigación de sistemas silvopastorís da USC está a traballar nun novo proxecto xunto coa Xunta e outros investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo.

Esta nova acción ten como obxectivos, entre outros, o uso aproveitamento agroforestal das franxas dun territorio situadas a máis de 50 metros das vivendas, así como fixar a poboación nas áreas rurais.

O proxecto someteuse a convocatorias de financiamento europeo a través das cales pretende recibir perto de dez millóns de euros.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/galiza-territorio-europeo-maior-densidade-incendios-mais-hectareas-arrasas-nesta-decada/20200214181410091438.html


© 2020 Nós Diario