Os productos galegos están presentes en todos os lineais

Galiza sobe ao carro da compra

Galiza é, se non o único, dos poucos territorios nos que se pode encher o carro da compra con produtos locais. Ademais, conta con varias cadeas de supermercados que contribúen á promoción destas referencias. Eis un estrato da peza publicada no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza.
 
Vegalsa
photo_camera Nos supermercados podemos atopar marcas galegas. [Imaxe: Sermos Galiza]

É moi posíbel que cando vostede acuda a facer a compra ao supermercado que teña máis perto da casa non se deteña a pensar na procedencia dos produtos que bota á cesta ou ao carro da compra. Se o fai, decatarase de que moitos deles teñen a súa orixe na Galiza ou existe nos lineais algunha referencia con esta característica. En realidade, hai poucos territorios, por non dicir ningún, que poidan presumir de poder facer unha compra unicamente con produtos locais. Certo é que as cousas teñen cambiado moito nos últimos anos. O comercio tradicional está cada vez máis ameazado polas grandes superficies. Hai varias décadas as tendas de barrio fornecían as súas clientas con carnes locais, verduras da horta, ovos da casa e pan de forno de leña. O viño, tamén da terra, ao igual que a froita. Pero os hábitos de vida mudaron moito. O ritmo de vida leva a xente a apostar en pratos preparados ou precociñados, conservas ou refrixerados. Aínda con iso, as referencias de frescos locais mantéñense en todas as cadeas de supermercados. No resto de referencias é onde a xente presta menos atención.Os produtos conxelados galegos son fáciles de identificar, aínda que nos últimos tempos hai empresas que apostan en variedades até o de agora descoñecidas como hamburguesas de peixe ou mesmo sushi. 

Fortes en leite e conservas

Galiza ten o privilexio de non ter rival nos supermercados en parte pola súa superioridade en sectores como o das conservas, onde o difícil é atopar unha marca que non sexa local. Mesmo se se trata dunha marca branca, o máis posíbel é que detrás estea unha firma galega. No sector lácteo, cando menos en leite fresco, Galiza tamén é líder en referencias. Non sucede o mesmo cos derivados, a pesar de contar cunha ampla gama de queixos e iogures. A nata (montada ou para cociñar), a manteiga ou o leite condensado son xa algo máis difíciles de atopar, pero diversos proxectos como o de Dairylac, que xa ten en funcionamento a súa torre de secado de soro en Melide, ou o de Inleit, que está a levantar unha factoría no concello de Curtis, prometen levar novas referencias ao mercado, tales como leite en po, manteiga e outros derivados de maior valor engadido. En augas, tamén son numerosas as referencias, igual que en licores. E en cervexas as preferencias das galegas parecen estar claras, aínda que as opcións á hora de escoller sexan máis abundantes.

mini-economia

Grandes descoñecidos

As sorpresas chegan noutras seccións, onde moitas das persoas consumidoras non imaxinan que poidan ter opcións de comprar produtos locais. Por exemplo, nos lineais de hixiene e limpeza a maioría de referencias corresponden a multinacionais como Henkel, Johnson&Johnson ou Procter&Gamble, pero tamén están os produtos de  Disiclín, con sede en Silleda, ou o desengraxante Zorka, fabricado no Porriño. Nesa mesma sección, na parte de celulosas tamén hai que mirar na letra pequena para dar con algunha das referencias que fabrica Bopapel en Ponteareas. O mesmo que sucede, non moi lonxe de aí, coas vasoiras de Cepillos La Ibérica, de San Cibrao das Viñas. 

Promoción diferenciada

As distribuidoras que operan na Galiza saben que no produto galego teñen unha bicoca. Sen ir máis lonxe, Gadis está a repartir estes días polos portais un folleto para promover estes produtos que leva por título Disfuta Galicia, disfruta Gadis (si, en castelán), cunha chamada na esquina na que lembran que unha cuncha identifica nos andeis dos seus estabelecementos os produtos que xeran emprego e riqueza na Galiza. No interior non faltan os cafés de Candelas, as pastas de Biscuits Galicia, os aceites Abril, as marcas de mel galego e viños e licores de todas as denominacións de orixe galegas. 

As marcas adoitan promover os produtos de orixe galega, mais moitas das veces fano sen empregar a lingua propia da Galiza

En Froiz e Vegalsa‑Eroski, as outras distribuidoras galegas, tamén empregan iconas e bandeiras para diferenciar os produtos galegos, unha iniciativa que replican tamén o resto de cadeas, como El Corte Inglés, Carrefour e Alcampo e, en menor medida, Mercadona, que aposta nas súas marcas propias ou as brancas, detrás das cales tamén se atopan firmas galegas.  

A galeguidade en cuestión

Hai uns anos tivo moita repercusión a venta de mexillón foráneo, principalmente chileno, que se comercializaba nos supermercados etiquetado como galego, unha fraude que levou a moitas zonas produtivas a rexistraren cadansúas Indicacións Xeográficas Protexidas, como poden ser Pataca de Galiza, Faba de Lourenzá, Mel de Galiza, Pemento de Herbón ou Pan de Cea, entre outras. Pero hai outro dato importante á hora de escoller un produto pola súa galeguidade para o cal non hai que fixarse na orixe, senón no destino. Concretamente no destino dos cartos, xa que algunha das referencias que se comercializan na Galiza están elaboradas na nación con materia prima local pero os beneficios van para unha matriz radicada fóra do país. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Comentarios