Galiza retrocede en innovación nove postos entre as rexións europeas

Figura de 190 entre os 238 territorios de Europa analizados no ‘Índice de Innovación Rexional’ da Comisión europea. En 2016 situábanos no 181. O norte de Portugal presenta mellores rexistros que o noso país.

 

[Imaxe: Pixabay] Laboratorio de investigación

En competitividade rexional estamos en 2019 na posición 190 entre as 238 rexións de Europa, un posto máis que modesto e que supón un retroceso de 9 lugares a respecto do que tiñamos en 2016 (181) e de 8 sobre o de 2013 (182).

A Comisión Europea publicou o seu ‘Regional Innovation Scoreboard’ (Índice de Innovación Rexional) correspondente a 2019. Un traballo no que se analiza a capacidade e realidade innovadora de 238 rexións e clasifícanse as mesmas en base a 17 indicadores. Desde o emprego ligado a I+D até o número de patentes rexistradas ou de persoas con doutorado, pasando pola análise do tecido empresarial ou mercado laboral. Tendo todos estes dados en conta, fíxanse catro grandes grupos: líderes innovación (aquí están 38 rexións), innovación sólida (73 territorios), innovación moderada (98) e innovación modesta (29 rexións). Cada grupo ten tres subgrupos.

Onde fica Galiza? Pois na parte baixa do grupo de innovación moderada. De feito, se en innovación a media da Unión Europea está en 100 o noso país fica en 55,7 puntos a moita distancia desa media. O informe ofrece dados actualizados sobre a evolución deste índice entre 2011 e 2019. A media europea aumentou 4,7 puntos nestes anos. Ese incremento na Galiza foi de case a metade: 2,5. Moi por debaixo do rexistrado por outros territorios do Estado como Euskadi (8,8 puntos). De feito, o da Galiza foi o sexto peor aumento no conxunto do Estado.

Deses indicadores empregados para esta análise da Comisión Europea, Galiza mellora o nivel europeo e español en canto a ensino superior. Mais ‘pincha’ no resto: está moi por baixo dos rexistros medios no Estado español e Unión Europea en campos como emprego cualificado, gasto empresarial en I+D, ou patentes.

A rexión máis innovadora de Europa é Zúrich (Suiza), seguida de Ticino (Suiza). Helsinki Uusimaa (Finlandia) é a máis innovadora da UE. 

Comentarios