XAQUÍN NÚÑEZ SABARÍS, PREMIO RAMÓN PIÑEIRO

"Galiza produce talento cultural moi por riba do impulso institucional"

Xaquín Núñez Sabarís (Zacande, Meis, 1963) é o gañador da XIX edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio polo seu traballo Cartografías da narrativa galega contemporánea. O profesor da Universidade do Minho realiza para Nós Diario un percorrido pola narrativa e polos seus conceptos actuais.
ew
photo_camera Xaquín Núñez Sabarís é profesor na Universidade do Minho (Foto: Nós Diario)

—Como xorde e en que se sustenta o proceso de elaboración deste ensaio?

A abordaxe arredor da transmedia encaixa nas liñas de traballo do meu grupo de investigación na Universidade do Minho e, nese sentido, interesáronme moitas das súas materializacións na literatura e a cultura galega. Por exemplo, todo ese fenómeno da intersección foi mudando o fantástico na literatura galega, transformándoo desde unha idea máis vinculada á literatura máis tradicional, ao rural e á tradición oral que vai sendo absorbida pola dimensión mística de Compostela, en parte pola influencia de modelos internacionais como Dan Brown, que Suso de Toro tan ben parodia, ou co que xoga ironicamente na súa novela 13 Badaladas. Este é un produto moi interesante desde o punto de vista transmedial, porque o proxecto cinematográfico que leva o seu nome non é unha adaptación, pois practicamente xorden ao mesmo tempo ambos os dous procesos, algo que tamén pasa co libro e a serie de televisión de Vivir sen permiso, de Manolo Rivas.

—Así que iso da ‘transmedia’ é, por dicilo dalgún modo, unha sorte de sincretismo entre diversas formas de cultura, non?

Si, efectivamente. Por exemplo, un dos casos máis paradigmáticos é o de Fariña, que pasa de ser un libro de investigación xornalística sobre o narcotráfico a convertese en serie de televisión, e logo incluso en novela gráfica e espectáculo teatral. Arredor dunha mesma historia pivotan unha serie de produtos artísticos de diferentes medios, de diferentes públicos, de diferentes centros de interese. 

Comentarios