Galiza, presente no debate da TVE grazas ao moderador

O 1 de novembro, primeiro día de campaña electoral, TVE acolleu o primeiro debate da campaña, coa presenza dos grandes partidos estatais, PNV e ERC. Alén de Fortes, só fixo alusión a Galiza Aitor Esteban, para indicar que no país o sentimento nacionalista é "minoritario".
As representantes que tomaron parte no primeiro debate electoral da campaña do 10-N [Imaxe: RTVE]
photo_camera As representantes que tomaron parte no primeiro debate electoral da campaña do 10-N [Imaxe: RTVE]

Na noite da sexta feira, coincidindo co inicio da campaña electoral de cara ao 10-N,  tivo lugar o debate emitido pola televisión pública estatal. Un encontro máis tenso do que tivo lugar hai case oito meses, naquel debate do 16 de abril previo aos anteriores comicios, e que contou desta volta coa participación de Vox, representado por Iván Espinosa de los Monteros. E no que a presenza de Galiza foi posíbel, máis unha vez, grazas ao moderador, Xavier Fortes.

Galiza, de novo fóra do debate

Fortes non só se despediu cun “Boas noites”, intervención moi comentada en abril en redes sociais, senón que dedicou unhas verbas ás promesas incumpridas do AVE na Galiza. Cando Aitor Esteban lamentou que Euskadi carecería de alta velocidade até 2024 Fortes replicou, “xa quixeramos algúns que o AVE tivese chegado algunha vez a Galiza”. A segunda mención a Galiza veu da man do representante do PNV: “Hai lugares nos que hai cidadáns que non se senten españois, que cren que son doutra nación, vascos unicamente ou cataláns unicamente. Unha realidade que non ocorre en Extremadura, que non ocorre en Andalucía e que non ocorre noutros lugares. En Galiza, hoxe por hoxe, esa poboación é unha minoría”.

No plató televisivo que moderou recuncaron como representantes dos seus partidos Cayetana Ávarez de Teoledo, polo PP, Irene Montero, por Unidas Podemos, Inés Arrimadas, por Cs, Gabriel Rufián, por ERC e Aitor Esteban, polo PNV. Desta volta Adriana Lastra substituíu a María Jesús Montero en representación do PSOE. A “situación de bloqueo político como non coñeciamos na nosa historia recente” coa que arrancou Fortes evidenciouse ao longo de todo o debate electoral.

Como en abril, o tempo de intervencións en materia de política territorial, ou o do bloqueo político a nivel estatal, foron os máis tensos de toda a noite. Catalunya situouse de novo no foco, e o presidente en funcións, Pedro Sánchez, no branco das críticas. Gabriel Rufián abriu a súa intervención afirmando que o PSOE “cada vez que puido escoller, durante corenta anos escolleu a peor opción, neste caso aplaudir unha sentencia de case un século para demócratas por un referendo”. “Torra apreta e vostede cede. A súa plurinacionalidade é fume e máis lume”, afirmou Álvarez de Toledo.  Irene Montero aproveitou a súa intervención en política territorial para sinalar a necesidade de políticas para o rural “baleirado”.

Posíbeis pactos

Os resultados do CIS, de cumprirse, auguran un novo bloqueo político de cara á formación de Goberno. Durante o debate Álvarez de Toledo reiterou que o PP non se abstería de cara a facilitar o goberno do PSOE e de Sánchez. Inés Arrimadas ofreceu un pacto PP-Ciudadanos, que anteriormente Albert Rivera descartara cando o propio Pablo Casado o suxerira. Irene Montero, pola súa banda, denunciou a Lastra que o PSOE empregase Catalunya “para procurar un pacto co Partido Popular”.

Comentarios