Galiza, no podio dos territorios con máis empresas perigosas para a saúde dos seus traballadores

Só Catalunya ten máis compañías ‘factor de risco’ que superan os límites de enfermidades profesionais e sinistralidade.

cadena montaxe traballo mikel arrazola
photo_camera (Foto: Mikel Arrazola)

Galiza é o segundo territorio do Estado español con máis empresas que son “factor de risco” de enfermidades profesionais (EEPP) para os seus traballadores e traballadoras. Só Catalunya, e por ben pouco, presenta peores resultados ca nós. O que debería de consolar ben pouco, tendo en conta que Catalunya ten case o triplo de sociedades que Galiza.

Os dados corresponden a 2019 e son claros: 269 compañías no Estado español teñen uns índices que superan o limiar de alerta establecido en sinistralidade laboral e enfermidades profesionais. Delas, 37 están na Galiza. Catalunya ten 38 e Madrid 34. Euskadi, con 30, e Valencia, con 30, completan a lista dos 5 territorios con peores datos.

A Seguridade Social conta co sistema Cepross, un ‘servizo de alertas’ que ofrece a posibilidade de detectar aquelas empresas que superaron os límites de alerta establecidos. “É dicir, localiza posíbeis «focos de risco» de EEPP (enfermidades profesionais), para facilitar unha maior eficiencia nas accións preventivas”, indican nos informes de CCOO. 

Coa fin de detectar aquelas empresas que deben de ser obxecto de control para incrementar as medidas de prevención, definíronse límites de sinistralidade específicos por grupos de enfermidade profesional que establecen o número de traballadores e traballadoras afectadas pola mesa enfermidade profesional a partir do cal consideráse que esa empresa reborda o límite de sinistralidade.

Para elaborar eses límites específicos téñense en conta toda unha serie de variábeis, desde o tamaño da empresa á distribución de EEPP por sectores, pasando por diferentes especificidades.

Con precaución

Porén, desde os sindicatos poñen o dedo na ferida: as taxas e índices de sinistros laborais e enfermidades profesionais na Galiza e o Estado español non son compatíbeis con que apenas 267 empresas figuren como que sobrepasaron os ‘límites’.

“En moitos casos as enfermidades tramítanse como enfermidade común e non como producidas pola actividade profesional", apontan. "Son as empresas as que deben declarar as enfermidades a través das mutuas colaboradoras da Seguridade Social e o que se está facendo é derivar ao sistema público a maioría de patoloxías de ámbito laboral",acrecentan.

Evolución

Na Galiza había en 2018 medio cento de empresas que superan os límites de sinistralidade, unha cifra que sitúa o noso país nese ano como líder no Estado español en sociedades que superan ese limiar. 

“As alertas nesas 45 empresas na Galiza producíronse en 56 EEPP. Polo tanto, existen empresas onde as alertas detectaron máis dunha enfermidade profesional”, explican no documento sindical.

O maior número de empresas que superaron os límites encádrase nas actividade económicas de corte, tallado e acabado da pedra (27 empresas) e actividades hospitalarias (8). Na categoría de enfermidades profesionais causadas por inhalación de substancias e axentes non comprendidos noutros apartados, das 45 empresas que no Estado exceden os límites, 28 están na Galiza.

Comentarios