Galiza podería recadar até 27 millóns anuais cun imposto ás grandes superficies comerciais

As 43 grandes áreas ocupan un total de 900.000 metros cadrados no noso País. O Bloque defenderá esta terza feira no Parlamento galego unha proposición de lei para o estabelecemento dun gravame de 30€ o metro cadrado


Hai cinco anos había na Galiza perto de 67.000 comercios locais. Hoxe, e segundo os dados da Federación galega do comercio, son 18.000 menos e máis de 43.000 empregos perdidos neste sector. As grandes áreas comerciais que desde hai anos abrollaron na periferia das cidades, 43, suman por volta de 900.000 metros cadrados. A oferta supera a demanda e "a crise que padece o pequeno comercio" urxe medidas que incremente a recadación fiscal "e mellore a súa posición fronte á competencia das grandes superficies comerciais". 

Así o recolle a proposición de lei que esta terza feira levará o Bloque ao pleno do Parlamento galego para reclamar a imposición dun gravame a estes centros comerciais, a razón de 30 euros por cada metro cadrado de superficie e ano. Sobre a iniciativa, implementada xa noutros territorios como Catalunya, fallou a favor o propio Tribunal constitucional nunha sentenza de 2012. 

Máis diñeiro para servizos públicos

Sostén o Bloque no texto da súa proposición que o incremento da recadación por esta vía traduciríase dun aumento do orzamento dispoñíbel para finanzar servizos públicos. Tamén axudará o pequeno comercio a capear o temporal que chegou con medidas impostas desde Madrid, nomeadamente dúas: a suba do IVE e a liberalización dos horarios comerciais. Ollando as cifras das vendas rexistradas en setembro de 2012, cando se aprobou o incremento deste gravame indirecto, a caída foi superior ao 11% só nese primeiro mes.

A respeito da segunda medida, se nun primeiro momento a consellaría de Economía facía valer as súas competencias na materia para sinalar que Galiza seguiría a se rexer polos horarios fixados na lei de 2006, finalmente transladou ao noso territorio a reforma desta norma, aprobada polo Goberno español, e fíxoo coa oposición do pequeno comercio. 

Cando a Xunta 'adopta' leis feitas para os grandes centros comerciais

Xosé Bangueses, presidente do Foro galego do Comercio, considerou daquela que "é un paso atrás coa desculpa de adaptarnos á normativa europea, ou sexa ao modelo neoliberal". Explicou que "había unha lei consensuada que xa non era moi progresista que agora quedará descafeinada" e enfatizou que a razón última dese seguidismo de normas alleas á Galiza é "favorecer as grandes superficies". 

A nova lei permite que os comercios galegos cunha superficie de até 300 metros cadrados terán plena liberdade horaria, fronte os 150 metros cadrados actuais. As multas por incumprimento na nova norma redúcense dun máximo de 60.000 euros a 1.500, polo que ás grandes superficies "compénsalles" incumprir a normativa aínda tendo que pagar a multa, razoou Bangueses.

No mesmo documento, aprobado en febreiro de 2013 co rexeitamento do conxunto da oposición na Cámara galega, legalizouse a apertura das grandes superficies 10 domingos e festivos ao ano e 90 horas semanais. Fronte a este brinde ao sol para os grandes áreas realizado desde o Goberno galego, o Bloque propón "gravar a capacidade económica" destas superficies comerciais.

Comentarios