Galiza perdeu nesta década 40% da súa rede bancaria

 

Ourense figura entre os territorios do Estado con maior fechamento de oficinas desde 2008. No conxunto do país fecháronse máis de mil sucursais, un proceso que acompaña unha exclusión financeira que cada vez afecta máis persoas na Galiza. 

Caixeiro
photo_camera Caixeiro

Entre 2008 e 2018 na Galiza desapareceron máis de mil sucursais bancarias, proceso que se deu da man do proceso de centralización e concentración bancaria así como do impacto das novas tecnoloxías e a banca e dos trámites por internet. Nunha década desapareceu 40% da rede bancaria na Galiza, segundo os dados recentemente publicados polo Banco de España.

O territorio máis afectado corresponde cos concellos ourensáns, que perderon 48% da súa rede (180 sucursais menos) e Pontevedra, con 363 oficinas desaparecidas, 44% das existentes. Na Coruña ese impacto foi pasar das perto de mil oficinas bancarias que había en 2008 até as 602 de agora, un 39% menos. En Lugo a redución foi de 30%.

Entre 2008 e 2016, o número de persoas en situación de exclusión financeira aumentou na Galiza en 49%, 15 puntos por riba da media española, que é de 34%. Son datos dun estudo realizado por Joaquín Maudos, Catedrático de Análise Económica na Universitat de València. Un traballo no que cifra en 43 os concellos galegos onde non hai sucursais nin oficinas bancarias, unha situación na que se atopan máis de 61.000 galegos e galegas.

Comentarios