Agro

Galiza perdeu 400 explotacións lácteas no último ano por mor dos baixos prezos

As explotacións lácteas na Galiza caen até chegar ás 7.458. Só no último ano pecháronse máis de 400 por mor dos baixos prezos que nin sequera cobren os gastos de produción.

Produción leiteira
photo_camera En marzo perdéronse 19 explotacións

No último ano botaron o peche máis de 400 granxas de leite, quedando Galiza cun total de 7.458 explotacións. A tendencia é tan negativa que de feito, tan só no pasado mes de marzo perdéronse 19 explotacións no país.

A razón está nos prezos que se abonan por litro de leite, que oscilan "entre 29 e 30 céntimos" segundo apunta Elías Somoza, coordinador en Lugo da Federación Rural Galega (FRUGA). Estes prezos sitúanse moi por baixo da media estatal e europea. As causas da caída nos prezos atópase nos contratos asinados coas industrias, xa que “as empresas están a impor prezos de forma unilateral sen ningún tipo de negociación coas gandeiras e gandeiros”, denuncia Somoza. Nese sentido, sinala que as opcións que se lles poñen ás e aos produtores enriba da mesa son “asinar o ou deixalo”, mais os prezos nin sequera chegan a cubrir os custos de produción.

A razón está nos prezos que se abonan por litro de leite, que oscilan "entre 29 e 30 céntimos" segundo apunta Elías Somoza,

Ademais, outros dos problemas que están a incrementar as perdas do sector son os danos producidos pola fauna salvaxe. Precisamente, a semana pasada tivo lugar en Compostela unha mobilización para esixir solucións á Xunta.

As organizacións agrarias convocantes sinalaron a Xunta como a encargada da xestión da fauna salvaxe así como a responsábel civil subsidiaria do total dos danos causados por estes animais, na medida en que o mantemento da fauna e a súa conservación é unha responsabilidade do conxunto da sociedade galega.

Nese sentido, esixiron que sexa a administración pública quen cubra a totalidade das perdas causadas por especies salvaxes e urxiron á creación dun fondo de corresponsabilidade, que xa ficara previsto na Lei de Caza do 2013. 

Comentarios