Renfe só presta 65% dos servizos de media distancia previos á pandemia

Nos últimos anos, Galiza apostou por mellorar as súas comunicacións coa meseta e por vías de alta capacidade cara a destinos turísticos. Agora, moitas localidades galegas pagan as consecuencias da falla de planificación da Xunta e do Estado español e da carencia dunha rede de servizos de proximidade
Tren de media distancia. (Foto: Renfe)
photo_camera Tren de media distancia (Foto: Renfe).

É cuestión de semanas que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) poña en servizo o treito de alta velocidade ferroviaria entre as localidades de Zamora e Pedralba de la Pradería, xa ás portas da Galiza. Este novo fito permitirá reducir a viaxe desde Galiza a Madrid en preto dunha hora, o que fará que moitas persoas escollan o tren fronte a outros medios, como o avión ou o vehículo particular. 

Mais esta mellora non quere dicir que Galiza poida presumir de estar mellor en materia de transporte. A conexión de alta velocidade coa península só favorece os desprazamentos nun sentido, mentres que as conexións internas, as que precisan a maioría de galegos e galegas, van cada vez a menos

Adif, e sobre todo Renfe, dous organismos dependentes do Ministerio de Transportes, están detrás desta perda de servizos, que se viu agravada pola crise da Covid-19. A propia Renfe recoñecía hai uns días que só estaba a prestar 65% dos servizos de media distancia previos á pandemia da covid-19. En conexións como A Coruña-Monforte-Ourense ou Vigo-Ourense-Ponferrada, os servizos quedaron limitados a unha única frecuencia, o que prexudica a mobilidade das galegas e galegos que non viven no Eixo Atlántico.

Servizos de proximidade

Un claro exemplo é o de Monforte, a localidade máis afectada polos recortes do operador ferroviario. Coa pandemia, Renfe suprimiu 29 trens na Galiza, 22 dos cales afectaban directamente á capital da Terra Chá. Na actualidade circulan seis trens Alvia Madrid-Galiza ao día (tres por sentido), dous Alvia Barcelona-Galiza (un por sentido), dous  Intercity Vigo-Porto (tamén un por sentido) e non hai servizos de tren hotel nin a Barcelona nin a Madrid, nin conexión directa co País Vasco, pese a que a propia Renfe anunciara que se repoñerían após o desconfinamento. Agora só prevé recuperalos "na medida que a demanda o vaia pedindo".

Á marxe do Eixo Atlántico e da conexión coa meseta, o interese de Renfe e Adif por mellorar a conectividade entre as vilas galegas é practicamente inexistente. A Xunta tampouco pon da súa parte, xa que podería exixir a creación dun ente propio que xestionase os servizos de proximidade, como os que están a punto de desaparecer no norte do país. 

Como denuncian as persoas afectadas, os servizos Ferrol-Ribadeo-Ferrol reducíronse pola pandemia en 75%. Tamén no servizo de proximidade Ferrol-Ortigueira, "todo isto sen estabelecer unha data de recuperación e fiando todo a un suposto aumento da ocupación, esa da que Renfe precisamente nin quere recoñecer, nin ten medios para coñecer", apuntan.

A crise na aviación

Outra das consecuencias da Covid-19 é a crise na que están sumidas as compañías aéreas. Os datos dos aeroportos galegos, que viñan de bater cifras récord en 2019, non son nin a metade do que tiñan movido normalmente por estas datas. 

Esta situación agravou a situación do aeroporto de Vigo, que a arrastraba unha caída de pasaxeiros desde a marcha de Ryanair, e deixou o da Coruña sen conexións internacionais e co tráfico practicamente en mans do grupo IAG (Iberia, Vueling e outros), coa única excepción dos voos de Air Europa a Madrid. No Rosalía de Castro, a situación agora é de relativa normalidade, mais a caída do turismo internacional tamén lle está a pasar factura. 

Coa rebaixa dos tempos da alta velocidade é previsíbel que as terminais galegas perdan pasaxe, xa que cun tren competitivo compensará viaxar a Madrid usando este medio e non o avión, como fan agora moitas das persoas usuarias destes aeroportos.

Nin ao vehículo privado

Con este panorama cabería pensar que o vehículo privado é o rei na Galiza. En certo modo é así, mais non sen moitos atrancos. Moverse pola Galiza ten un alto custo para as súas habitantes, xa que a AP-9, vía que vertebra o país de norte a sur, non deixa de encher os petos de Audasa, a súa concesionaria, a costa das peaxes, un pago por uso dunha infraestrutura en moitos casos xa amortizada que lastra a competitividade da economía galega.

E no interior, o problema é xusto o contrario. En pleno século XXI, non hai unha vía de alta capacidade que conecte Lugo con Compostela (a A-54 segue sumando atrasos entre Arzúa e Palas) nin a cidade das murallas con Ourense. En troques, moitas das vilas turísticas do país teñen autoestradas que só xustifican as súas dimensións nos meses de verán e polas que cada ano as galegas e os galegos pagamos sumas millonarias vía orzamentos.

Comentarios