Galiza perde 4.570 millóns co actual financiamento

A negativa do Ministerio de Facenda a liquidar ás comunidades autónomas os tributos que lles corresponden en concepto dunha mensualidade do Imposto de Valor Engadido (IVE) de 2017 evidencia o alcance real da descentralización e o carácter do modelo territorial. Un modelo co que Galiza perde.
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe- Xunta da Galiza)
photo_camera A ministra de Facenda, María Jesús Montero, co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe- Xunta da Galiza)

Unha parte dos Gobernos autonómicos veñen de dar a voz de alarma. As declaracións da ministra de Facenda e portavoz Goberno estatal, María Jesús Montero, confirmando a oposición do Executivo de Pedro Sánchez de facer efectivo, ás coñecidas como comunidades do réxime común, o pagamento dos dereitos derivados do IVE adebedados desde 2017 sitúa as finanzas deses territorios nunha situación complicada.

Euskadi e Nafarroa, cun sistema de financiamento diferente, no que a recadación dos tributos corresponde ás facendas autonómicas, que posteriormente liquidan ao Estado, libran deste problema orixinado pola decisión do Executivo central de reter o diñeiro. Galiza é un dos territorios máis afectados por esta decisión.

Segundo os números achegados pola Xunta, o Estado está retendo a Galiza 198 millóns en concepto de IVE e 170 millóns polo seu suposto cumprimento da regra de gasto, dos requisitos do déficit e dos niveis de endebedamento.

Porén, como sinala o economista Xosé Díaz a Nós Diario, "esta cifra é fraudulenta, xa que a disposición adicional dos orzamentos do Estado de 2018, onde a Xunta se apoia para manter a súa reivindicación, non fai ningunha referencia concreta á contía a abonar. Isto explica que o Goberno galego non incorpore esta cantidade nas contas de 2019, a diferenza do ocorrido co IVE".

Nafarroa e Euskadi recadan os seus tributos e son os únicos non afectados pola decisión estatal de non liquidar o ive

A débeda contraída pola Executivo estatal en concepto de IVE remóntase a 2017. Naquela altura, o ministro de Facenda do Goberno do PP, Cristóbal Montoro, introduce unha modificación nos criterios de cálculo da porcentaxe deste tributo correspondente ás autonomías do réxime común, como consecuencia da implantación do coñecido como Subministro Inmediato de Información, un novo sistema de xestión do IVE nos libros de rexistro de forma automática, mediante a sede electrónica da Axencia Tributaria.

Pola súa banda, a Xunta da Galiza renuncia a calquera tipo de reclamación da débeda mentres Mariano Raxoi permanece á fronte do Goberno, demorando até 2019 a incorporación da cantidade aos orzamentos.

A etapa de Raxoi

As forzas políticas da oposición e unha parte dos economistas que teñen estudado o tema critican que Alberto Núñez Feixoo agardase á saída do PP do Goberno do Estado para exixir o diñeiro adebedado.

En Marea, En Común da Esquerda e o BNG coinciden coa Xunta da Galiza en demandar ao Executivo de Sánchez o cumprimento dos compromisos adquiridos co país, mais non consideran "críbel" a postura do presidente galego, máis preocupado en abrir unha fronte co Goberno estatal no marco da súa estratexia de cara ás eleccións galegas que en buscar unha solución aos problemas de financiamento da Galiza. Xosé Díaz, no seu traballo A liquidación do sistema de financiamento do réxime común en 2017 pregúntase por que o Goberno galego non reivindicou este diñeiro en 2018.

"Acórdase diso no ano 2109, cando goberna, en funcións, o PSOE?". Ao tempo apunta que "a liquidación definitiva polo IVE do exercicio 2017 que lle corresponde a Galiza é negativo, nada menos que por 136,85 millóns". Díaz non dubida en sinalar que "as autonomías do réxime común, de non ser polos recursos que supoñen a totalidade das entregas a conta percibidas mensualmente, simplemente non poderían levar a cabo funcionamento ningún cara a subministrar os servizos públicos e o resto das competencias".

Euskadi e Nafarroa, territorios que non fan parte do réxime fiscal común e que recadan directamente os seus tributos, son os únicos non afectados por esta decisión do Executivo estatal. Non debe estrañar entón que algúns dirixentes do PSOE, como a balear Francina Armengol, ou economistas de cabeceira do PP, como o madrileño Daniel Lacalle, non dubiden en manifestarse publicamente polo concerto como alternativa a esta situación, malia as resistencias das dereitas e esquerdas estatais, conscientes de que a súa extensión fóra de Euskadi e Nafarroa limita as competencias reais do Estado.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios