Galiza perde 222 granxas en oito meses

Feche dunha explotación gandeira diaria. O prezo medio por litro é 0,31 euros fronte ao 0,33 de media no Estado español.

 

XANCEDA GRANXA vacas leite

Entre xaneiro e agosto tiveron que botar o fecho 222 explotacións leiteiras, unha media de unha por día, continuando así coa liña de feches de granxas. Tan só entre xullo e agosto clausuraron 39 destas instalacións. Os dados do Fondo de garantía agraria (Fega) indican como os prezos na Galiza continúan por baixo da media española: 31 céntimos por litro fronte a 33. Había en agosto 7.282 explotacións mentres que o ano empezou con 7.504.

En marzo de 2015 entraba en vigor a fin de cota láctea. Había daquela na Galiza 9.500 explotacións leiteiras e os anuncios e promesas institucionais auguraban que a liberalización do mercado ía provocar maior competitividade e, xa que logo, un aumento dos prezos que se pagaban aos produtores polo leite.

Abandono

Na primeira década do século XXI en Galiza abandonáronse 37.050 explotacións agrarias. É un dos datos que recollía o informe ‘Por unha política xusta e sostíbel’, elaborado por diferentes colectivos e entidades do Estado e entre as que está o Sindicato Labrego Galego. 

Cómpre lembrar que desde 1985 en Galiza perdéronse 265.000 hectáreas de SAU, superficie agraria útil (Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial, do Laboratorio do Territorio, Universidade de Santiago). Na Galiza a superficie agraria últil apenas supera 20% do territorio, o que supón unha das porcentaxes máis baixas de Europa. En Alemaña ou Francia supera 40%, por poñer dous exemplos.

E todo isto nun contexto no que cada vez hai maior concentración de terras. Así, 3,1% das explotacións agrarias existentes na Unión Europea concentran 52 por cento da superficie agraria útil. Ao tempo, 75% das explotacións europeas de menos de 10 hectáreas representan apenas 11% da SAU, uns 19 millóns de hectáreas.

Comentarios