AS DISTINTAS CARAS DO 12-O

Galiza Nova pide a independencia do pobo galego

Como vén sendo tradicional, Galiza Nova organizou un acto na mañá de hoxe contra a celebración do 12 de outubro, día en que reivindicou a independencia para o pobo galego. Á vez, Madrid acollía o desfile militar e Barcelona, unha manifestación españolista e outra fascista.

Galiza Nova
photo_camera Galiza Nova

A praza situada diante do Concello de Pontevedra acolleu na mañá de hoxe un acto de Galiza Nova contra a celebración do 12 de outubro no que os mozos e mozas aproveitaron para explicar que representa España na vida dos galegos e galegas. “España = 55% de paro xuvenil, España = precariedade, España = imperialismo…” foron algunha das consignas que lanzaron nunha xornada na que reivindicaron o seu “anhelo”, a independencia de Galiza.

As mocidades do BNG salientaron que o Estado español “condena Galiza á dependencia e á miseria e empéñase en anular con todos os seus medios a nosa identidade nacional”. Denunciaron que nos atopamos “ante un sistema totalmente corrompido no que a Constitución é amparo legal das accións máis socialmente inxustas que estamos a padecer”.

O secretario xeral da formación nacionalista, Alberte Mera, aludiu á emigración que sofre a mocidade do país que fica “baleiro e abocado á miseria e ao avellentamento da poboación”. “A autoorganización do pobo galego, sen dependencias nin tutelaxes, é o único camiño para a emancipación nacional”, subliñou.

O acto concluíu co cambio simbólico de nome á praza, bautizada por Galiza Nova como “Praza da República da Galiza”.

Galiza Nova aproveitou o 12 de outubro para pór en marcha unha campaña por un emprego digno “ante as políticas neoliberais e nefastas do goberno español que hipotecaron o noso futuro e nos condenaron á emigración, a un 55% de desemprego xuvenil e aos traballos máis precarios”.

Fascistas queiman esteladas en Catalunya e ameazan con "coller as armas"

Outra das fotografías da xornada foi a queima de bandeiras esteladas por parte de fascistas, que se reuniron durante a mañá ás portas do hotel Catalonia. Antes de ter lugar a mobilización de Democracia Nacional e da Falange Española até Monjüic, un grupo de mozos concentráronse con bandeiras preconstitucionais e outras insignias fascistas Queimaron bengalas e tres bandeiras esteladas, amais dunha faixa da CUP. O xefe da Falange, Manuel Andrino, asegurou na marcha -que congregou unhas 300 persoas- que “se os partidos non actúan para deter o separatismo, teremos a lexitimidade moral para coller as armas, como xa fixemos no 1936”.

Ademais, do Paseo de Gracia saíu unha manifestación españolista -que se diferenciaba da anterior pola falta de bandeiras preconstitucionais- na que se clamou contra o proceso soberanista. Nesta marcha atopábanse dirixentes do PP como García Albiol ou Fernández Díaz, que se sumaron ás persoas participantes -10.000, segundo a organización e 4.500 segundo os Mossos.

Feijóo participa nos actos do desfile militar

Á vez tiña lugar en Madrid o desfile militar presidido polos reis de España, un desfile no que participaron uns 3.400 militares e gardas civís. No acto da praza de Neptuno, onde se rendeu unha homenaxe aos militares, participou o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, acompañado dos seus ministros -agás o de Exteriores e o de Economía.

Tamén participaron o líder do PSOE, Pedro Sánchez, e a de UPyD, Rosa Díez. Tamén asistiron os presidentes das autonomías, entre eles, o da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Rexeitaron participar o president da Generalitat, Artur Mas, o de Euskadi, Íñigo Urkullo e a de Nafarroa, Uxue Barkos.

Comentarios