“O nacionalismo galego é a vella fonte da que sempre abrolla auga nova”

Máis un ano as mocidades do BNG homenaxean, o 24 de xullo, ás figuras d@s ilustres galeg@s.

photo_camera Francisco Jorquera

@s moz@s din delas que no seu tempo foron “inadaptad@s e incomprendid@s” mais tamén que as súas persoas, “rebeldes e inconformistas”, deixaron o testemuño que agora recolle a mocidade galega.

Nun acto desenvolvido no mosteiro de Santo Domingos de Bonaval, Galiza Nova celebrou a decimosexta homenaxe a Rosalía e Castelao, cun especial recordo á poeta, de cuxo nacemento se cumpren 175 anos. Os seus versos –mais tamén a súa prosa reflectida no prólogo de Cantares Gallegos, resoaron nas paredes do mosteiro compostelán, (ateigado pola rapazada nacionalista), con verbas encamiñadas a tombar unhas paredes baixo o xugo da igrexa católica á que tanto cuestionou. “Pioneira e rebelde”, así a describen as mozas e mozos de Galiza Nova, “feminista e precursora”, adiantada ao seu tempo como ben amosa o prólogo de Follas Novas, no que xermola a súa conciencia de clase como muller asoballada, aldraxada, mais que nunca ficou calada; xermolo do máis incipiente feminismo, cando nin sequera podía chamarse de tal xeito.

Do patriota e incombustíbel Daniel Castelao, din @s moz@s que foi un incomprendido, mais ven nos seus relatos, historias e ensaios, a semente dun sentimento nacional, dun país que o viu voltar en contra da súa propia vontade, pois “non regresarei”, dixo, “até que Galiza sexa ceibe”.

Mais volveu, e diso sabe ben Tareixa Navaza, xornalista que relatou con afervoada paixón e revolucionaria cordura, o regreso dos seus restos a unha Galiza gobernada polos mesmos que o obrigaran a marchar. Navaza, leu na homenaxe un fragmento do Sempre en Galiza e dixo –quen pouco se deixa ver xa en público, “hoxe era o día no que eu tiña que estar”. Tareixa volveu acompañar de novo a Castelao, igual que o fixera aquel xuño de 1984 coa súa voz.

Galiza Nova deu cumprida honra ás figuras dos máis ilustres símbolos nacionais poñendo a primeira pedra á xornada de loita que terá lugar mañá, na que deseguro Rosalía e Castelao, volverán estar presentes.

“O nacionalismo galego é a vella fonte da que sempre abrolla auga nova”
Francisco Jorquera comezou a súa intervención cun discurso político no que deu a noraboa á organización xuvenil do BNG por “manter viva esta ofrenda”. Fixo memoria o nacionalista, á grande contribución destes dous persoeiros ao nacionalismo, “Rosalía canta á nación nun momento no que o nacionalismo non contaba con organización política” e Castelao “alumeou a Galiza do século XX, cun contributo decisivo para organizar o nacionalismo e preparalo para acción política”.

O candidato á presidencia da Xunta, dixo do BNG e Galiza Nova, seren o facho que “alumeará a Galiza do século XXI”, nunha situación de verdadeira “emerxencia nacional” perante os salvaxes recortes aos dereitos das maiorías sociais, a democracia e o autogoberno. O nacionalista dixo vivirmos en “tempos que reclaman rebeldía” e arengou ao pobo a facer patria día a día, esforzo a esforzo, como dixo o poeta da Terra Chá, Manuel María. Francisco Jorquera dixo dos gobernos español e galego seren "uns imperialistas fracasados", por non defenderen os intereses do estado español "na Europa dos mercaderes" e converter a Xunta de Galiza nunha "brigada de demolición" que vai camiño de "acabar coa base produtiva e o propio autogoberno do país". 

As persoas convidadas puxeron voz ás homenaxeadas

Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova, deu comezo ao acto de homenaxe facendo fincapé no desleixo amosado polo goberno de Núñez Feijóo tanto ás imaxes de Rosalía e Castelao coma á xente moza. “As galegas e galegos non merecemos este trato”, dixo Aboi, que arengou á mocidade a loitar contra “os ricos e señores da terra” e a prol das febles e vítimas do poder.
Quedoulle tempo á nacionalista para lembrarse deses “golpistas camuflados de demócratas” que pretenden someter máis unha vez ás mulleres –facendo referencia á inminente (re)penalización do aborto--. “Xa está ben”, sentenciou a Secretaria Xeral, “non queremos que as sotanas decidan a nosa vida”.

Deseguido deu paso, ás personalidades convidadas, encargadas de poren voz aos ilustres Castelao e Rosalía: Tareixa Navaza, Ezequiel Mosquera, Luís Iglesia, Francisco Jorquera, Iria Fernández e Carme Vidal.

A voz que acompañou aos restos de Castelao na súa volta ao país, Tareixa Navaza, escolleu un fragmento do Sempre en Galiza para salientar o “terrorismo económico” que asolaga as nosas vidas e que tan ben describía o de Rianxo. Honrada dixo sentirse de poder estar alí, “onde repousan os restos de Rosalía e Castelao”. A xornalista, que logo do seu relatorio en 1984 foi relegada ao “exilio dos corredores”, regresaba para pórlle voz ás verbas do ilustre galego.

Acompañad@s pola música de Najla Shami –cantante galega-palestina, as intervencións ían sucedéndose. Entre elas, Iria Fernández, actriz e cantante, que puxo voz ao poema rosaliano "Tecín soia a miña tea". Pola súa banda, o ciclista Ezequiel Mosquera, elixiu o prólogo de Cantares Gallegos como mostra da prosa de Rosalía; “un texto moi clarificante”, dixo, a respecto do uso da lingua galega.
A xornalista, Carme Vidal, lembrou a emigración padecida polo seu concello de orixe, Fornelos de Montes, e salientou a capacidade de Rosalía e Castelao para “recoller a raiba dos que padecimos e seguimos padecendo a emigración”. A través de airiños, airiños, aires, Vidal describiu a realidade actual a través “dun poema popular e noso”.

Rematou a quenda de lecturas, Luís Iglesia, (re)coñecido actor de Matalobos, cun relato de Castelao que dedicou a quen lle agasallou os primeiros libros do de Rianxo. Coma se escoitásemos ao mesmísimo narrador da obra cun ton cinematográfico, Iglesia trouxo a Bonaval ao “Peito de lobo” de Castelao.

A tradicional ofrenda floral e o canto do Himno Galego puxeron fin a esta homenaxe que leva xa dezaseis anos. 

Comentarios