Feminismo

Galiza Nova esixe a Feixoo o cumprimento da lei contra a violencia machista

Somos as que loitan por un país sen violencia é o lema da nova campaña da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova con motivo do 25 de novembro coa que queren concienciar a mocidade contra o machismo.  

Galiza Nova esixe a Feixoo o cumprimento da lei contra a violencia machista
photo_camera Apresentación da campaña de Galiza Nova (@galizanova)

A campaña que con motivo do 25 de novembro, Día internacional contra as violencias machistas, apresentou a organización xuvenil do BNG pular por «dar unha visión moito máis combativa a unha data na que sempre rematábamos relegadas ao papel de vítimas», afirmou Nerea Cazás, responsábel nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova.

Galiza NovaSomos as que loitan por un país sen violencia é o lema da nova campaña da mocidade nacionalista, tal e como adiantou Nerea Cazás, quen esta cuarta feira, 13 de novembro, enviou un escrito en nome da organización ao presidente da Xunta da Galiza co fin de que se cumpra a lei contra a violencia machista aprobada na Cámara galega hai doce anos, e que, segundo denuncia Cazás, está paralizada debido aos recortes levados a cabo polo Goberno do Partido Popular.

Segundo sinalou a nacionalista, o contexto actual «é alarmante» debido ao aumento do 28,4% das denuncias por violencia machista. A isto súmanse os seis feminicidios acontecidos na Galiza no que vai de ano. Ademais da carta enviada a Feixoo, a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova decidiu aproveitar o contexto estatal para enviar unha carta ao presidente en funcións, Pedro Sánchez, con medidas que deben ser tomadas de urxencia a nivel galego, estatal e con vertente específica na mocidade.

«A día de hoxe as mulleres encontrámonos desprotexidas fronte a violencia machista e recortar en recursos dirixidos ás mulleres vítimas de violencia non só perpetúa a violencia machista senón que é violencia en si mesmo» sentenciou Cazás. 

Comentarios