Feixoo volve rexeitar o concerto económico e unha tarifa eléctrica galega

Na quenda de réplica, o presidente Feixoo entrou no corpo a corpo con moi malos modos e certa prepotencia. Foi paternalista con Villares e despectivo co nacionalismo. Para empezar, tirou de currículo e dixo que pola cámara pasaran até 19 representantes da oposición e todos dicíndolle que o seu proxecto estaba agotado. "E aquí sigo", remarcou.

Feixoo, na quenda de réplica no debate.
photo_camera Feixoo, na quenda de réplica no debate.

Feixoo devolveu unha por unha todas as críticas da oposición combinando o desprezo cos datos, "os datos que ofrece un presidente da Xunta", engadiu para enfeitizar a súa autoridade. 

Con Caballero e o PSOE foi directo no contragolpe: "Hai algún proxecto máis esgotado que o do PSOE, que non foi quen de gobernar nin de formar goberno".

Con Luís Villares mostrouse paternalista, e mesmo convidou ao líder de En Marea a "poñerse de lado do PP e non do PSOE" en casos como Endesa. Despois, intentou humillalo. Lembroulle que el, Villares, era o líder da alternativa da oposición só hai uns meses e preguntouse se era "sólida" aquela proposta dun goberno alternativo "presidido por Villares".  
A Antón Sánchez respondeulle con Venezuela, como antes fixera con Ana Pontón e Bildu. Feixoo utiliza o desgoberno en Madrid contra quen se poña por diante. Da igual que sexa Anova. "Non ás térmicas, non ás eólicas, non ás eléctricas... Cal é a súa política enerxética?", preguntoulle a Antón Sánchez. 

"Alá vostede e a súa forma de facer oposición", comezou Feixoo a súa diatriba contra Ana Pontón, o Bloque e o nacionalismo galego todo... "O que é intranscendente é a dimensión do BNG. Se di que Galiza é un bonsái, que dimensión tería o BNG nese bonsái? A Galiza máis cativa é a do nacionalismo. Vostede cre que toda Galiza está equivocada e só vostedes están no certo. Iso si é excluínte", díxolle a Ana Pontón ante de amentar a Bildu e a ERC.

Despois, rexeitou a proposta do BNG do concerto económico, "por lesiva para o país"; a tarifa eléctrica, "que é ilegal"; e pediulle a Pontón que "se tomase en serio as cifras" en cuestións como a emigración e o PIB galegos. Emprazouna que retirara a expresión "pirómana" para cualificar a política forestal do goberno, "non na merecemos". E dixo que o BNG non pode criticar a fusión das caixas, "cando antes era favorábel".

Pontón agardou a súa quenda para pechar a cuestión: "Non dicimos que Galiza sexa un bonsái, dicimos Feixoo está convertindoa nun bonsái". E deixou outro asunto para a reflexión. "Dixo que en Euskadi o Goberno do Estado non pecharía unha empresa como As Pontes, non lle fai iso reflexionar sobre o seu papel como presidente da Xunta?".

.

Comentarios