Réxime de autónomos

Galiza lidera a perda de baixas en autónomos

O país conta con 2.716 autónomas e autónomos menos que hai un ano, co que Galiza se sitúa á cabeza do Estado na perda de persoas traballadoras por conta propia.

Traballador pechando o seu local. (Foto: Europa Press)
photo_camera O país perdeu nun só ano a 1.461 autónomas e autónomos tan só no sector da industria

Galiza encabeza a perda de autónomas e autónomos no Estado, baixando nun 1,3% e pasando de termos 213.359 persoas traballadoras por conta propia no mes de abril de 2018 a 210.643 na actualidade.

O informe presentado pola Asociación de Traballadores Autónomos de Galiza amosa que o país perdeu nun só ano a 1.461 autónomas e autónomos no sector da industria, ao que lle segue en número de baixas o sector do comercio con 1.319 persoas menos, a agricultura que perdeu a 988 persoas, a construción baixando en 333, hostalaría con 284 menos e os transportes baixando en 43.

O país perdeu nun só ano a 1.461 autónomas e autónomos no sector da industria

Desde ATA sinalan necesario “frear a continua perda de autónomos, xa que non pechamos un ano en positivo desde o 2014” e apostan pola consolidación do traballo das e dos autónomos, fomentando a substitución xeracional e implementando medidas para parar a sangría de baixas que se producen no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), afirmou o presidente de ATA en Galiza, Rafael Selectos.

Pola contra e malia o cómputo negativo, os sectores onde se rexistraron máis altas novas no mes de abril en Galiza foron nas actividades inmobiliarias (nun 1,6% e en 25 persoas novas), nas actividades artísticas (1% e 35 persoas), hostalaría (0,8% e 183 persoas), educación (0,7% e 41 persoas), administración (0,6% e 38 persoas) e información e comunicación (0,5% e 13 persoas).

Comentarios