Galiza lidera a listaxe mundial de territorios con graves verteduras de petroleiros

O acontecido esta fin de semana co “Front Serenade” serve para lembrar que Galiza ten o triste privilexio de figurar – e por 3 veces- na listaxe dos principais vertidos de hidrocarburos acontecidos no mundo desde 1967. 'Récord' que ninguén (estado ou rexión) supera.

CXwMd1xWsAEXlcs

Na tarde do pasado sábado o “Front Serenade”, un petroleiro cunha dimensión tres veces maior que o “Prestige”, estivo á deriva fronte ao faro de Lariño, en Carnota. Afortunadamente, non pasou nada. Mais o acontecido convida a lembrar a recente historia do país como zona onde teñen decorrido algunhas das catástrofes marítimas máis importantes destas décadas, con importante impacto ambiental, social e económico. Galiza, por exemplo, é o único territorio do Estado que ten o triste privilexio de figurar na lista mundial dos 20 principais vertidos petroleiros no mundo desde 1967. E é, canda Gran Bretaña, o que máis veces aparece nesa listaxe: 3. 'Urquiola' (1976, máis de 100.000 toneladas de petróleo), 'Mar Exeo' (1992, 80.000 Tm petróleo) e 'Prestige' (2002, 64.000 toneladas de fuel). E houbo outro sinistro en Galiza que superou as 60.000 toneladas derramadas: 'Andros Patria', 1978, con 60.000 toneladas.

Segundo os dados do Ministerio de Medio Ambiente entre 1991 e 2014 en Galiza tiveron lugar 22 dos 54 accidentes de petroleiros acontecidos en augas do Estado español. Dos 13 sinistros marítimos con máis verteduras no Estado, 8 sucederon nas costas do noso país. De feito, dos 5 accidentes con vertidos superiores a 50.000 Tm de combustibles derramados, 4 sucederon nas nosas costas e o quinto entre Canarias e a Península.

Tráfico

O 90% do tráfico de petróleo que entra na UE faino por vía marítima. E por volta do 70% do transporte marítimo de petróleo na Unión Europea faise fronte ás costas do Atlántico e do Mar do Norte, mentres que o 30% efectúase polo Mediterráneo.

O ano da catástrofe do 'Prestige' (2002) circularon polo Corredor de Fisterra 12.446 buques que transportaban materias perigosas, concepto baixo o que se engloban produtos como petróleo, gas, materiais tóxicos ou produtos corrosivos, entre outros. O 'erro' en só un deles -o 0,008% do total- provocou un dos maiores sinistros marítimos do noso país. Máis dunha década despois, en 2014, foron 12.495 os buques con produtos de risco que navegaron fronte ás nosas costas. Cincuenta barcos máis que naquel fatídico 2002

A finais de 2014, máis unha vez, PP e PSOE vetaron a proposición de lei do BNG que pedía a transferencia a Galiza das competencias en Salvamento Marítimo e na loita contra a contaminación mariña. O Bloque argumentou que a complexidade e a velocidade con que se desenvolven os accidentes marítimos, precisan de intervencións rápidas.

Comentarios