Marta Pazos estrea no Teatre Lliure de Barcelona a 'Viaxe á lúa' de Lorca

Galiza exporta talento a Catalunya

Marta Pazos, directora artística da compañía Voadora, estreará no Teatre Lliure de Barcelona, o vindeiro 3 de febreiro, unha adaptación ao teatro de 'Viaxe á lúa', o único guión cinematográfico que deixou García Lorca. Pazos consegue ser así a primeira que dirixe un espectáculo no mítico espazo catalán.
Unha escena de 'Viaxe á lúa'. (Foto: Silvia Poch)
photo_camera Unha escena de 'Viaxe á lúa'. (Foto: Silvia Poch)

Non se pode obviar que durante a súa viaxe a Nova York, Federico García Lorca presenciou en primeira fila iso que agora chamamos o “crac do 29”, a máis célebre crise do capitalismo. Aquela cidade onde o poeta viu “os camareiros e os cociñeiros e os que limpan coa lingua / as feridas dos millonarios” deu lugar a un libro –Poeta en Nova York– que suporía unha viraxe case copernicana na súa obra, mais tamén foi a cidade onde escribiu o seu único guión cinematográfico, Viaxe á lúa, setenta e dúas secuencias dunha película sen discurso narrativo, na que se suceden lúas que vomitan, bágoas que son peixes, mans que asfixian paxaros e estrañas imaxes de violencia contra mulleres e menores. Un universo onírico cuxa escura simboloxía non oculta a reacción ante un mundo tomado pola velocidade, a adoración irracional da técnica e a violencia. Un mundo que mantén moitos paralelismos co momento actual.

Marta Pazos (Pontevedra 1976), directora artística da compañía Voadora, levará ás táboas do Teatre Lliure de Barcelona todo ese caudal de imaxes na primeira incursión dunha artista galega dirixindo nese templo do teatro catalán. “En realidade, xa colaborara con eles: Je suis narcissiste [a ópera que Pazos estreou no Teatro Real de Madrid e que foi finalista dos International Opera Awards] contaba entre os coprodutores ao Teatre Lliure, mais esta é a primeira vez que desenvolvemos todo o proxecto nesta casa”, declara Marta Pazos en conversa con Nós Diario.

“Lorca escribe a obra a finais dos 'loucos anos vinte' e nós estreamos o espectáculo a principios destes louquísimos anos vinte”, afirma Pazos entre risas. “Efectivamente, hai moitos paralelismos coa situación actual, como se a humanidade estivese a pasar polas mesmas paisaxes. Interesábame moito reflectir esa situación en que o autor parece sentirse moi pequeno ante o mundo. Non só pola inmensidade dunha cidade cunhas dimensións descoñecidas até entón, senón porque nese momento o mundo tal e como se coñecía até ese intre estaba derrubándose e había que reformularse todo: o sistema, a sociedade… Con moitos matices, penso que estamos nun tempo moi semellante, e por iso parecía pertinente levalo a escena”.  

Embaixadores do teatro galego

Voadora é con seguridade a compañía galega que maior proxección exterior está tendo nos últimos tempos. A estrea no Lliure continúa no ronsel dun monllo de coproducións que a levaron a Porto, Lisboa, Madrid ou Francia, entre outros moitos lugares onde a súa estética –fortemente cargada de referencias artísticas e cunha impronta plástica que deixa un enérxico impacto visual no público– non pasou desapercibida. Nesta Viaxe á lúa, o herdo das vangardas históricas é moi evidente, e conflúe coa particular linguaxe da directora.

“Eu non coñecía esta obra”, confesa Pazos. “Enviouma Pomba Luxilde, de Teatro Baixo a Area, que acaba de estrear Poeta en Nova York en galego. Ela fíxome chegar a obra sinalando as coincidencias entre as imaxes que se suceden no guión e moitos elementos da estética das miñas montaxes, e teño que llo agradecer moitísimo, porque cando o lin, decateime tanto da súa beleza como da dificultade de levalo á escena. Mais cando empecei a traballar foi todo como un xogo: habitualmente eu traballo desde a palabra e sempre hai algo que teño que atravesar para chegar á imaxe. Nesta montaxe, pola contra, todo é un diálogo constante coa poesía visual e todo resultou moi doado e pracenteiro. A complexidade veu máis polo complicado que é transportar a linguaxe cinematográfica –de cinema mudo, ademais– ao teatro. Foi un reto adaptar a obra desde os principio do teatro, sen apoiarnos en filmacións nin no vídeo”.

O reto foi compartido polo teatro: “Traballar no Lliure resulta moi especial non só pola grande historia que ten, senón polo ben que comprenden os procesos de creación artística. O proxecto, en principio, ía ser pór en escena o Baal de Bertolt Brecht, mais axiña o proceso me levou a cambiar de obra, e contei cunha absoluta liberdade e co apoio de toda a equipa para mudar o plan”.

A crebadiza situación do teatro nestes momentos obriga a falar con cautela de calquera evento próximo, mais Pazos mantén unha febril axenda de traballo: “Temos que ser conscientes de que o que lle dá sentido a esta época é o aquí e agora. Nunca sabes que é o que se vai poder facer ao día seguinte, mais é curioso ver como a xente ten ganas de ver teatro, como un espazo de ficción é o lugar que reflicte a realidade á que queremos volver".

Unha axenda que esquiva a pandemia

Marta Pazos abrirá en febreiro o festival Escenas do Cambio de Compostela con Sincro. Dirixirá a posta en escena de Tanatologia, de Xavier Uriz no Teatre Principal de Palma de Mallorca, e presentará, en xuño, a súa versión do Othello de Shakespeare no Teatro de La Abadía de Madrid.

Comentarios