Galiza ante a investidura

Sen a Galiza non hai Goberno no Estado

Todo indica que nos vindeiros días oirase falar moito da Galiza e de Euskadi, pois a posición que tomen BNG e EH Bildu serán esenciais para a investidura no Estado. O escano que o PP arrebatou ao PNV en Bizkaia no reconto do voto CERA obriga o PSOE a asegurarse a abstención de Bildu e comprometerse cunha «axenda galega» para obter a indispensábel abstención ou ‘si’ do BNG. Fica case imposíbel a conformación do goberno se non contan co Bloque.

Congreso dos Deputados [Imaxe cedida]
photo_camera Congreso dos Deputados [Imaxe cedida]

Por unha presa de votos recontados esta cuarta feira, 13 de novembro, procedentes do voto do electorado residente ausente (CERA), o PP gañou a súa única acta por Euskadi, e faino a costa do PNV, que baixou así de 7 a 6 actas, as mesmas que alcanzara nas urnas do pasado 28 de abril.

Agora cos novos resultados o PSOE e Unidas Podemos deberán buscar novos apoios ou abstencións para aseguraren a investidura. Desta maneira, tórnase esencial a postura que tome EH Bildu e o compromiso que as forzas españolas tomen coa «axenda galega», condición esencial que o Bloque Nacionalista Galego enunciou para falar de cara ao proceso de investidura.

Na maioría dos cenarios posíbeis a investidura vai depender dos acordos que as forzas estatais cheguen co BNG, cuestión sobre a que precisamente pivotou a campaña do nacionalismo co lema Facer valer Galiza.

Os 155 votos de PSOE e Unidas Podemos non chegan

O preacordo asinado por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias parte dos 155 votos no Congreso dos Deputados que corresponden ás actas de PSOE e Unidas Podemos. Mais precisan sumar outras forzas, xa que na primeira sesión de investidura son necesarios 176 votos afirmativos, é dicir, unha maioría absoluta fronte á suma dos ‘non’ e das abstencións. De fracasar a votación, Sánchez podería acudir a unha segunda votación, onde xa lle bastaría con obter máis votos a favor que en contra, xa que as abstencións desta volta non afectarían.

Así, para a primeira votación PSOE e UP precisan sumar 21 votos afirmativos alén dos seus 155, o cal parece de partida moi improbábel.

Cenarios posíbeis

Postas xa na segunda sesión de investidura, onde simplemente chega unha maioría simple de votos afirmativos, hai varias casuísticas posíbeis.

O primeiro cenario precisaría da abstención do BNG. Nesas, no lado do ‘si’ bastarían os partidos do preacordo e os 3 deputados de Más País-Compromís. Cóntase nesta casuística co ‘non’ de PP, Vox, Cs, CUP, Coalición Canaria e NA+, en base aos anuncios xa realizados por estes partidos ao pouco de se coñecer o preacordo. Para fraguarse a investidura nesa segunda votación, sería preciso que Sánchez e Iglesias lograsen a abstención do BNG, Junts, Esquerra, PNV, EH Bildu, PRC e Teruel Existe.

Nesta opción habería 158 ‘si’, 35 abstencións e 157 ‘non’.

Tamén habería investidura de abstérense BNG, Bildu e ERC (suman 19) nun cenario en que votasen a favor PSOE, UP, PNV, Máis País-Compromís, PRC e Teruel Existe (suman 166) fronte 165 votos contrarios de PP, Vox, Cs, Junts, Coalición Canaria, CUP e NA+.

O resto de cenarios que se enumeran precisan o ‘si’ do Bloque

De PSOE e UP comprometerse coa Galiza e lograren o ‘si’ do BNG habería dous cenarios probábeis.

O primeiro daríase se houbese unha abstención de ERC e EH Bildu (18 votos) e saldaríase con 167 votos a favor da investidura (PSOE, UP, PNV, Más País-Compromís, BNG, PRC, Teruel Existe), 18 abstencións (ERC, EH Bildu) e 165 en contra (PP, Vox, Cs, Junts,. CUP, CC, NA+).

O outro cenario posíbel, que estaría no ‘non’ de ERC e Junts, precisaría da abstención de EH Bildu, Coalición Canaria e Cs e necesariamente do ‘si’ do BNG.

Sexa como sexa, os vindeiros meses ouviremos falar moito da Galiza na procura do voto indispensábel.

Comentarios