Galiza escapa do parón da compravenda de vivendas en agosto

A compravenda de inmobles caeu en 8,6% en agosto, un mes especialmente malo no conxunto do Estado español, cunha baixada de 21,1%.

Edificio imaxe de UB
photo_camera Edificio imaxe de UB

O mes de agosto non foi o mellor para a compravenda de vivendas na Galiza, con 1.269 operacións, o que supón un retroceso anual de 8,6%, pero resistiu como o territorio onde mellor se comportou de todo o Estado.

Galiza conseguiu salvar os mobles nun mes de agosto no que se certificou a cifra máis baixa neste tipo de operacións desde o ano 2015, cunha caída de 21,1% no conxunto do Estado. Aínda así, conta co segundo peor rexistro en canto a vivendas transferidas por cada 100.000 habitantes, con 58, só por diante de Estremadura, con 48.

Tipoloxía

Do total das 1.269 operacións realizadas en agosto, tan só 58 corresponderon a vivenda protexida. En canto á tipoloxía, 979 eran de segunda man e 290 de nova construción.

No que atinxe á transmisión de fincas, en agosto rexistráronse na Galiza un total de 8.121 operacións, 4,6% máis que no mesmo período do ano anterior, un dato que contrasta coa caída de 5,1% no conxunto estatal. Desta cifra, 2.119 foron transmisión de fincas rústicas e 6.002 urbanas, das que 3.236 corresponden a vivendas, 201 a solares e 2.565 a outro tipo de bens.

Comentarios