Opinión

Galiza en van

Informaba este xornal do programa do actual presidente da Xunta, militante do PP, para as eleccións do 12 de xullo ter como título a palabra Galicia. Resulta paradoxal en quen, un día si e outro tamén, non perde oportunidade práctica de negala como nación ou pobo con vontade política propia e de xogar de forma irresponsábel e frívola cos seus intereses, sempre desprezados ou sacrificados no venerado altar dunha españolidade que adora. É o marco mental da súa conduta. Porén, non debera resultar sorprendente que se vista dunha roupaxe que considera anecdótico, como de ocasión. A finalidade é embelecar os incautos, tratándose dun proceso electoral. Lévao facendo para a galaría, en momentos moi precisos, durante todos os seus mandatos, sen se derivaren consecuencias prácticas positivas na realidade. Simplemente se trata de tacticismos oportunistas, destinados para consumo dunha sociedade que está atrapada entre un sentimento estanco de identificación consigo mesma e unha falta absoluta de confianza na súa capacidade propia para valerse por si. É o resultado de moitos séculos de subordinación, que a política desenvolvida por gobernantes como el, durante os corenta últimos anos, non fixo máis que aguzar. O actual mandatario é a expresión, en estado de petrificado cinismo, dunha mentalidade social conformista, obediente e resignada, que, por enriba, cre vivir nunha Arcadia, sen aspiracións colectivas, pero ao cabo feliz co papel que nos asignan. Esta é a súa Galicia, na que pretende manter o pobo galego prisioneiro, estático e apampado. Velaí a razón pola que non só é tan protexido, blindado e defendido polos intermediarios da subordinación dentro, senón tamén polos poderes subordinantes que, na dereita e na esquerda, se expresan no centro da españolidade. Élles de grande utilidade para Galiza non levantar cabeza, sen temeren unha terceira nación reclamar o seu dereito á existencia.

A verdade é que o pobo galego vive un mar de contradicións entre o que a realidade expresa e as receitas e prácticas políticas que, de forma tan agresiva e destrutiva, se lle aplican. Nesta contradición reside a súa capacidade de reaxir, protestar e reclamar moitas veces,  defendendo, os directamente afectados, os seus dereitos, en especial en cuestións sociais e económicas. Faino tamén con capacidade mobilizadora, de se tratar de cuestións ecolóxicas, servizos públicos fundamentais ou mesmo en defensa da lingua propia, tan maltratada e negada. Porén, non acaba de callar esta capacidade de resposta nunha conciencia política colectiva como pobo, que aspire a superar un marco político tan limitado e inútil, para alén de empregado de forma tan ruín. A última enquisa do CIS ofrece un dado que expresa unha situación política de fondo estanca canto a conciencia social do que Galiza necesita. Asemade dános un retrato que nos indica que se debe e pode traballar na dirección de mellorar a conciencia colectiva da sociedade galega sobre a súa realidade na dirección que se necesita. Un 40,7% acredita en que abonda cun Estado con comunidades autónomas como na actualidade; un 11,4% con comunidades autónomas con menor autonomía; un 10,2%, un Estado sen autonomías. Un 22,6% avoga por un Estado con comunidades autónomas con maior autonomía; un 7,4% por un Estado que recoñeza o dereito a unha comunidade autónoma se converter en nación independente. Está claro que ignoramos as causas da nosa situación. Feixóo pretende que non saiamos da ficción en que vivimos.

Comentarios