Galiza convértese no territorio do Estado onde é máis difícil abrir un negocio

As persoas expertas recomendan axilizar o pagamento a provedores e o acceso das pemes á contratación pública.

negocios
photo_camera Os trámites administrativos complican a apertura de novos negocios. [Imaxe: Sermos Galiza]

Galiza é o territorio onde máis dificultades existen para abrir un negocio, a pesar do moito que se ten avanzado na xestión municipal. Así o afirma o profesor de Economía da Universidade de Vigo e director da Red Localis, Alberto Vaquero, quen indica que a pequena dimensión das empresas é un handicap para a produtividade e a calidade do emprego.

Vaquero, que esta sexta feira participou nunha xornada na que expertos da administración local analizaron as barreiras para facilitar a actividade económica e a creación de novos negocios e empresas, apunta que para darlle a volta a esta situación é preciso axilizar o pago a provedores e o acceso das pemes á contratación pública.

Pola súa banda, Concepción Campos, que comparte con Vaquero a dirección da Red Localis, engade a implantación da tramitación electrónica na lista dos ‘debe’ e pon como exemplo o feito de que o custe da presentación dunha licenza ou comunicación previa presencial é de 80 euros, mentres que o mesmo trámite por vía electrónica redúcese a tan só 5 euros.

Demasiadas normativas

As asistentes á xornada, que contou coa colaboración de Igape e Fegamp, recoñeceron que é tal o volume de normativas, moitas delas propias de cada concello, que é practicamente imposíbel que os negocios cumpran con todas elas.

Comentarios