A luz vai subir na Galiza unha media de 16 euros por galega e galego para compensar as eléctricas polos impostos autonómicos que pagaron. Galiza, excedentaria na produción de enerxía, vai ter que pagar 38 millóns de euros neste concepto, o recibo máis alto do Estado. A factura desta compensación para Madrid -que non produce nin un só megavatio- é de 30 céntimos por habitante. Territorios como Canarias ou Euskadi libran deste recargo.
Así pois, Galiza, que exporta entre 30 e 40% da enerxía que produce, engade un punto máis aos retornos negativos que obtén por esta actividade: ao servizo deficitario, ao impacto ambiental ou ao xa de por si prezo elevado suma agora pagar este novo recargo.
O Tribunal Supremo avalou nunha sentenza de xuño de 2014 o dereito das eléctricas a recuperar o pagado en impostos autonómicos. Uns cartos que se devolverán a cargo das consumidoras e en función dos tributos que existan no seu territorio. O alto tribunal considera que os impostos autonómicos son un “sobrecusto” que deben asumir as consumidoras e consumidores de cada autonomía para non danar “a unidade do mercado” español. Que Galiza exporte enerxía e soporte os custos desa actividade para acabar pagando o mesmo por ela que en Madrid -que non produce nin ten retornos negativos da actividade- non altera, ao que se ve, a unidade do mercado. Todo o contrario.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 308 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]