Galiza está ao límite para afrontar un novo proceso de concentración bancaria

A integración do Pastor no Popular e a súa posterior absorción polo Santander, sumada á fusión das antigas caixas de aforros galegas, fixo que máis da metade da oferta financeira da Galiza estea en mans de dúas entidades. A entrada de Abanca no baile de fusións daría aínda máis forza ao oligopolio financeiro no país.
Entidades bancarias nos cantóns da Coruña (Xoán Roberes)
photo_camera Entidades bancarias nos cantóns da Coruña (Xoán Roberes)

A fusión de Bankia e Caixabank vaise traducir inevitabelmente en novos fechamentos de oficinas e axustes nos cadros de persoal de ambas as entidades. De feito, no último ano, tanto Bankia como Caixabank reduciron as súas redes comerciais en máis dun cento de oficinas e están a executar os plans de saída pactados coas súas traballadoras e traballadores.

Segundo as estimacións de Barclays, a integración suporá o fechamento de 1.440 oficinas no Estado español, unha medida que permitirá á entidade resultante incrementar 18% o seu beneficio en 2022 e un potencial aforro de custos de 500 millóns de euros ao ano. Esta cifra representa máis dun terzo da rede de Bankia (2.267 oficinas) o que, extrapolado á Galiza, onde conta con medio cento de sucursais, suporía o fechamento de máis dunha ducia de oficinas, o que agravaría aínda máis a concentración bancaria no país, onde cinco entidades (Abanca, Santander, Caixabank, BBVA e Sabadell) teñen máis de 90% da rede comercial bancaria.

Máis exclusión financeira

Como destaca o profesor e economista Albino Prada nun recente artigo, o índice de Herfindhal (que mide a concentración dun mercado) para o sector bancario español achegaríase con esta nova fusión ao limiar de "preocupante", mais na Galiza xa acada esta categoría após as operacións corporativas dos últimos anos, que reduciron máis de 40% a rede de oficinas no país e aumentaron 50% a exclusión financeira da poboación.

Como recoñece a Nós Diario, "loxicamente esa fusión non mellora en nada a situación de escasa competencia e exclusión financeira para as persoas consumidoras, e como contribuíntes duplica o noso risco moral de ter que financiar a eventual quebra dun novo axente sistémico".

Para mellorar a competencia, reducir o risco sistémico e evitar que o acceso aos servizos financeiros quede tan concentrado, Prada cre que deberíase estudar a introdución de axentes públicos, mesmo traballar en sistemas públicos de carácter local, e artellar as ferramentas para posibilitalos.

Na mesma liña, o profesor da Universidade de Compostela (USC) Gonzalo Rodríguez sinala que "hai moitas fórmulas" para escapar desta tendencia á concentración, na que as persoas quedan desprotexidas e asumindo un enorme risco social. 

Na súa opinión deberíase tender cara a un modelo máis especializado, cun Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que actúe realmente como unha entidade pública de crédito que canalice o investimento cara ás pequenas e medianas empresas, que precisan de "máis apoio e máis interese".

Límite ao desenvolvemento

Como explica Rodríguez a este xornal, a concentración e a redución da oferta de servizos financeiros limita as políticas de desenvolvemento do país. Neste senso, lembra que algún dos referentes industriais da Galiza actual, como a cooperativa Coren, "foron posíbeis grazas a bancos de escala media" (Caixa Ourense neste caso). Tamén incide no feito de que detrás destas entidades estaba o tecido produtivo das principais cidades galegas, os comerciantes na Coruña (Caixa de Aforros da Coruña e Lugo) e o naval en Vigo (Caixavigo). 

Hoxe, todas esas caixas forman parte de Abanca, a principal entidade por volume de negocio da Galiza, que trata de gañar tamaño para evitar ser engulida por un dos xigantes estatais, como xa lle pasou a outras entidades galegas como o Banco Galego (Sabadell) ou o Pastor (Santander), coas consecuencias que iso tería para a economía galega.

Acceso aos servizos

As principais consecuencias dos procesos de integración son o fechamento de oficinas, os axustes dos cadros de persoal e, de cara á clientela, a redución da oferta de servizos, o que se traduce en máis dificultades á hora de acceder a empréstitos ou contratar produtos como depósitos, seguros ou plans de pensións.

No caso da Galiza, o fechamento de oficinas supuxo un aumento da exclusión financeira en moitos núcleos do rural, agravada polas dificultades da clientela para acceder aos servizos de banca dixital, ben por descoñecemento ou por falta de infraestruturas. 

Neste senso, a revolución dixital, que está detrás do fechamento dalgunhas delas, pode ser tamén unha solución. Cada vez son máis as empresas fintech que ofrecen alternativas aos bancos tradicionais. Tamén hai cooperativas de crédito e outras experiencias de tipo colaborativo. E aínda sobrevive unha caixa de aforros galega, a Caixa Rural, que como apunta Rodríguez, "estará agradecida de que se esquezan dela para as fusións".

Comentarios