INFORME D@S EMPRESARI@S DO SECTOR

En 2014 na Galiza adxudicouse 'a dedo' obra pública por máis de 74 millóns

Concellos, deputacións, Xunta e Estado recorren a esta modalidade, baixo a que se outorgaron máis de 700 actuacións no noso país durante o ano pasado.

Obra pública

En 2014 adxudicáronse na Galiza mediante contratacións directas ou por procedemento negociado obras públicas por un importe de 74 millóns de euros. Todas as administracións recorreron, se ben en maior ou menor media, a esta fórmula que exclúe o concurso previo. Estes dados son os que se recollen no informe anual que elabora a Asociación Provincial de empresarios da construción da Coruña e que indica que case unha de cada dúas actuacións públicas foron concedidas ‘a dedo’, por volta dunhas 700.

A Xunta recorreu a esta modalidade en medio cento de actuacións durante o 2014, obras públicas que supuxeron un volume duns 7,3 millóns de euros. Nese ano o Estado español botou man do procedemento negociado – ou sexa, falando directamente coa empresa, sen concurso previo- en máis de 70 actuacións desenvolvidas en territorio galego, o que supuxo algo máis de 9 millóns de euros.

Mais son concellos e Deputacións as que máis utilizan esta modalidade de contratación. Nas perto dun milleiro de actuacións, seiscentas foron sen concurso previo segundo o informe da APECC que se debulla polo miúdo en Economía Digital. En euros estamos a falar dun importe duns 57 millóns de euros.

No informe antes mencionado non se recolle ningunha adxudicación feita polo pleno da Deputación de Ourense neses 12 meses de referencia que tivese concurso público. 

Comentarios