Opinión

Galicia, provincia madrileña?

Levo constatando desde hai tempo que xa non hai España.

Levo constatando desde hai tempo que xa non hai España. Dun lado están Catalunya e mais Euskadi e do outro está Madrid coas súas provincias, e nese lado caemos nós. A Galiza, un país de seu con conciencia de si e vontade política, unha sociedade capaz a defender os seus intereses e non deixarse colonizar e expoliar, está nun dos seus peores momentos. Fica Galicia, reducida a provincia madrileña.

Esta situación haina que ver na perspectiva de que, tras a recuperación da autonomía, as outras nacionalidades que foran unha referencia histórica, Euskadi e Catalunya, tiveron gobernos nos que os partidos vascos e cataláns presidían ou tiñan unha presenza determinante. Non foi o noso caso.

Ás propias debilidades do nacionalismo galego hai que atribuir a crise vivida polo BNG hai agora tres anos. A ruptura dunha organización dáse cando unha parte está insatisfeita, non véndolle futuro, non vendo perspectiva de acadar poder. Se a esa insatisfación lle sumamos unha cultura do sectarismo e da exclusión, ben propia de organizacións con vocación minoritaria, daquela a ruptura é inevitábel. O resultado vímolo, vémolo e verémolo aínda nas próximas elecións: o engorde do sucursalismo e a ruina política da Galiza. Próximamente o estado terá que negociar soberanía con vascos e cataláns, e nese momento pode que non haxa sequera deputados no parlamento español de ningún partido galego. Eis unha fotografía histórica.

Dun lado están Catalunya e mais Euskadi e do outro está Madrid coas súas provincias, e nese lado caemos nós

Esta campaña de eleccións municipais é unha nova fase dunha etapa de perturbación política que supuxo o 15-M que irradiou de Madrid a outras cidades españolas. A crise económica e as durísimas condicións ditadas desde o Banco Europeu ao goberno Zapatero foron un choque para a maior parte da sociedade, porén atinxiron dun modo particular ás xeracións que estaban na expectativa de integrárense ás profesións. Moi concretamente un sector moi importantes en calquera sociedade, ás xeracións universitarias. O 15-M expresou fundamentalmente a frustración vital dos universitarios, sumouselle logo o descontento da maior parte da sociedade cos recortes económicos e sociais e, por extensión, cos partidos existentes. Ese descontento tiña todo o fundamento.

A partir dese malestar expresado o 15-M, o grupo fundacional de “Podemos” sintetizou unha ideoloxía baseada na acusación ás organizacións políticas, e por extensión sindicais, existentes que lle permitiu irromper nos programas de televisión e desde aí alcanzou a importantes sectores sociais. Pode que ocupe o lugar de Izquierda Unida no conxunto do Estado. Porén, ese efecto estase a dar dun modo máis confuso no territorio galego, aquí ese papel deslexitimador das organizacións existentes xa o ocupou previamente AGE, unha alianza de IU co grupo escindido do BNG que conduciu Xosé Manuel Beiras, políticos moi veteranos todos eles que conseguiron transmitir a idea de que eran algo novo. A existencia previa de AGE é o que explica a variedade de candidaturas “mareas” e agrupacións varias que compiten nun mesmo espazo.
 
Dun xeito máis concreto é o que explica a conducta practicada por ese axente político chamado “La Voz de Galicia” que, do mesmo xeito que pulou a figura de Beiras fronte ao BNG cando a escisión, repite agora a súa aposta por esas candidaturas na provincia coruñesa, “territorio Voz”, fundamentalmente en A Coruña e Santiago, onde poden ocupar boa parte do espazo que ocupaba antes o BNG. A liña é sempre a mesma, que non exista unha alternativa nacional galega con apoio social e favorecer a subalternidade e o sometemento a estratexias de dependencia centralista. Favorecer á dereita españolista.

A liña dese axente político chamado "La Voz de Galicia" é sempre a mesma, que non exista unha alternativa nacional galega con apoio social e favorecer a subalternidade e o sometemento a estratexias de dependencia centralista

Esas novas candidaturas municipais, con políticos tan veteranos e mesmo tan profesionais como os demais, souberon aproveitar o descontento e a distancia deses grupos sociais coas outras organizacións. Mais tamén mostran a súa limitación. Tras mensaxes xenéricas de renovación, aparece a falta dunha ideoloxía clara, tamén a evidencia de depender ideolóxicamente de estratexias madrileñas. Sobre o que significan para a Galiza o máis ilustrativo é que a súa previsíbel presenza municipal será nalgunhas cidades exclusivamente: non se trata dunha alternativa de país. A ampla presenza mediática non se corresponde coa súa presenza real nos centos de vilas e concellos. Son un fenómeno político fundamentalmente mediático que carece de organización.

Canto ao futuro desas candidaturas non hai nada escrito, todo depende do resultado. Previsíbelmente ha ser integrárense en “Podemos” como unha franquicia galega, cousa que lles será máis doada se Izquierda Unida é efectivamente aniquilada políticamente tras as eleccións.O nacionalismo galego, e con el a existencia política da Galiza, afronta unha situación incerta e difícil

O nacionalismo galego, e con el a existencia política da Galiza, afronta unha situación incerta e difícil. Mais, tras estas eleccións debera afrontar o seu futuro histórico, porque é o futuro do país, con radicalidade: fracasou en dirixir e gobernar o país estas décadas, precisa un novo comezo no que constrúa unha forza nacional e de esquerda democrática que poda recibir a confianza da sociedade. E terá que ter unha cultura política aberta e acorde con este tempo, que conecte con novas xeracións que agora están lonxe e son reféns das canles de televisión e comunicación madrileñas. Un reto de humildade e de anovamento. Non se trata de partillar meramente a cultura das series de televisión norteamericanas e pijadas de “Youtube”, mais trátase de escoitar á xente ao noso arredor.

O nacionalismo galego, e con el a existencia política da Galiza, afronta unha situación incerta e difícil

Que a proposta do galeguismo, a máis xenerosa e rexeneradora, lle resulte hoxe antipática a amplos sectores da sociedade e que teña desconectado coas xeracións máis novas é unha victoria dos seus inimigos, sen dúbida, mais nesa derrota tamén teñen boa parte de responsabilidade os propios galeguistas. Algúns por perda de norte e moitos por incapacidade. E se non se acepta esa realidade entón non se aprende nada. O nacionalismo galego ten que volver á escola da sociedade para aprender.

No entanto, os votos de cidadáns e cidadás comprometidos co noso país non deberan emigrar, submisos ao poder.

Comentarios