Política

Galicia en Común-Anova reclama á Xunta medidas para o "benestar animal" que impidan a "venda irregular"

Antón Gómez-Reino asegura que a Xunta ten que "anular os centos de anuncios que se están producindo estes días, e que teñen como único obxecto a compra-venda irresponsábel de mascotas para sortear as medidas decretadas polo estado de alama".
Antón Gómez-Reino (Galicia en Común).
photo_camera Antón Gómez-Reino (Galicia en Común).

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, reclamou esta quinta feira á Xunta unha "acción decida" en favor do sector veterinario e do benestar animal, que inclúa accións específicas para "impedir a venda irregular de animais como forma de salvoconducto para vulnerar o confinamento social".

"A Xunta ten a obriga de anular os centos de anuncios que se están producindo estes días, e que teñen como único obxecto a compra-venda irresponsábel de mascotas para sortear as medidas decretadas polo estado de alama", detallou.

A coalición tamén solicitou ao Goberno galego que poña en marcha varias medidas destinadas a apoiar ao sector, entre as que figuran a "implementación de liñas de axuda específicas para que as clínicas e as profesionais autónomas poidan paliar as perdas económicas derivadas da crise sanitaria" e "adquirir material especializado e de protección".

"O sector do benestar animal abrangue desde as entidades sen ánimo de lucro que xestionan refuxios, e que traballan coa fórmula das casas de acollida e co voluntariado, até as clínicas veterinarias que realizan un labor importantísimo en materia de sanidade e saúde animal e, por extensión, de saúde pública", lembrou Gómez-Reino.

"Son persoas anónimas que continúan a traballar para alimentar animais, para xestionar colonias de gatos ferais, rescatando ou mantendo os centros de acollida, coidando dos animais enfermos e atendendo urxencias. E non temos constancia de que a Xunta contactara cos colexios de veterinarias e veterinarios nin con ONG algunha para preguntarlles polas necesidades neste contexto de confinamento social", engadiu.

Promover as adopcións

Galicia en Común-Anova Mareas propón aumentar o orzamento para apoiar aos concellos e as entidades protectoras "desde os 125.000 euros previstos para 2020 até os 2 millóns de euros en axudas directas para financiar o funcionamento dos centros de acollida e a adquisición de materiais, alimentación e mellora da eficiencia enerxética".

Desta maneira, a coalición pide facilitar as adopcións co subsidio das taxas unha vez superada a crise sanitaria e implementar unha estratexia galega contra o abandono para previr novos casos. Así mesmo, apuntan a unha campaña a través dos medios públicos da CRTVG sobre o bo trato animal, que promova "conductas positivas" como o acollemento, a adopción e a participación das entidades protectoras na sociedade galega.

Comentarios