Política

Galicia en Común advirte a Xunta que "pon en perigo" a vida de usuarias e traballadoras das residencias se non as "intervén"

A coalición insiste en que o Goberno galego ten que "intervir e medicalizar" todas as residencias e salienta que o 40% das persoas falecidas na Galiza pola COVID-19 eran usuarias destes centros. 
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla (En Común-Anova).
photo_camera Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla (En Común-Anova).

Galicia en Común-Anova Mareas reitera que a Xunta ten que "intervir e medicalizar" todas as residencias de maiores do país "de inmediato" diante da gravidade da situación que padecen e o risco real para a saúde de usuarias e traballadoras. "Se a Xunta non as intervén xa, estará a poñer en perigo as súas vidas", asegura o portavoz da coalición, Antón Gómez-Reino. 

O voceiro lembra que o 40% das persoas falecidas na Galiza pola COVID-19 eran usuarias desas residencias, e alerta de que familiares e traballadoras levan semanas denunciando as enormes carencias de persoal, medios sanitarios e equipos de protección "que impiden na práctica que se cumpran as normas máis elementais de seguridade contra a expansión da epidemia".

Así mesmo, Gómez-Reino subliña que a coalición "ten constancia" de que varios familiares de persoas falecidas nas residencias optaron por presentar demandas na Fiscalía do Estado reclamando que se investigue a responsabilidade do Goberno galego nesas mortes, "pola súa inacción" e pola falla de medios e de persoal nos centros "privatizados".

"Os Gobernos de Feixoo permitiron e fomentaron durante anos que se fixese negocio coa saúde e o benestar dos nosos maiores, e agora é un imperativo que a Xunta asuma a súa responsabilidade e exerza todas as súas competencias facéndose cargo da súa xestión e garantindo que as usuarias reciben os coidados e protección que precisan", incide Martiño Noriega. 

"Advertimos desde o inicio que non había equipos de protección suficientes nas residencias públicas dependentes da Consellaría de Política Social", engade Eva Solla, que cualifica de "auténtico desastre" a xestión da crise sanitaria do Executivo de Feixoo. "Destaca, por nefasta, a xestión nos centros concertados, fundamentalmente os da empresa DomusVi. Tanto persoal como residentes seguen a contaxiarse porque seguen sen medios e nin sequera contan con servizos de limpeza axeitados", denuncia.

Comentarios