A situación é "inédita" porque "levamos máis de catro meses nos que nos atopamos cun candidato que fracasou na investidura porque non fixo os deberes, polo que parece que só sabe conxugar o verbo rexeitar", dixo Yolanda Díaz minutos despois de falar con Felipe VI. "O que lle transmitimos ao xefe de Estado é a nosa vontade firme: non queremos unha repetición electoral, queremos que se poda formalizar un Goberno de progreso", sinalou a deputada.
Díaz trasladou ao Xefe do Estado a postura do grupo confederal, de abstención, no caso de que Sánchez sexa o candidato, e dedicou gran parte da súa conversa co Xefe do Estado á preocupación pola situación de Galiza e o impago dos anticipos a conta, segundo informa Galicia en Común nunha nota de prensa.
Entre outras cuestións, tamén se abordou a investigación do accidente do Alvia e a urxencia de rematar a Comisión de Investigación "para facer xustiza e depurar responsabilidades políticas ".