POLÍTICA

Galicia en Común reclama a dimisión de Baltar por "enchufar" 69 funcionarias na Deputación

A coalición solicita que o popular abandone a presidencia da Deputación de Ourense despois de que o TSXG rexeitase o cuarto recurso contra varias resolucións xudiciais que consideraron ilegal o concurso convocado por Baltar para ascender e promocionar a 69 funcionarias.
Antón Gómez-Reino (Galicia en Común).
photo_camera Antón Gómez-Reino (Galicia en Común).

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, reclamou esta sexta feira a dimisión do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) rexeitase o cuarto recurso presentado por ese organismo contra varias resolucións xudiciais que consideraron ilegal o concurso convocado por Baltar para ascender e promocionar a 69 funcionarias.

Esas traballadoras, segundo considera a xustiza e manifestan desde a coalición, foron contratadas de forma irregular e a súa promoción vulnerou os principios de mérito e capacidade que rexen o acceso e a mobilidade interna na función pública.

O fallo do TSXG, lembran nun comunicado, esgota a vía dos recursos e confirma a validez da sentenza do xulgado de Ourense que hai tres anos considerou ilegal a actuación do organismo provincial.

"Esiximos a José Manuel Baltar que asuma as responsabilidades derivadas destes feitos, e dimita do seu cargo como presidente da Deputación de Ourense. Que a xustiza constate en cinco ocasións o enchufismo como ferramenta para adxudicar prazas de emprego público nese organismo é motivo dabondo para que Baltar deixe ou seu cargo", asegurou Gómez-Reino.

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas tamén instou ao presidente da Xunta e presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, a destituír a Baltar como presidente do PP de Ourense.

"Os recursos xudiciais presentados pola Deputación, e que só pretendían manter os ascensos ilegais de 69 funcionarios, foron custeados con fondos públicos. Feixoo é cómplice dese malgasto se mantén a Baltar no seu cargo", aseverou o portavoz da coalición.

Comentarios