Opinión

Galeguizarmos a xustiza

Un dos paradoxos do réxime constitucional de 1978 foi recoñecer a posibilidade dunha autonomía política, nos níveis executivo e lexislativo (de primeiras só a Galicia, Euskadi e Catalunya, despois veu o malfadado “café para todos”) mais impondo un único Poder Xudicial en todo o territorio do Estado. Un paradoxo que afastou o sistema autonómico dos verdadeiros sistemas federais ou plurais (USA, Canadá, Suiza, Alemaña) para encadralo nos unitarios só parcialmente descentralizados. Porén, a aplicación inconstitucional do 155 tamén derrogou a garantía da autonomía lexislativa e executiva das autonomías. Mais isto é outra historia.

Galeguizarmos a Administración de Xustiza supón que os preitos rematen todos no noso territorio (agás as unificacións na aplicación do Dereito que cumpran por vía casacional) e que sexan as nosas institucións os que a gobernen, no canto do actual Consello do Poder Xudicial, totalmente sometido ao xogo do bipartidismo dinástico. Neste contexto, unha xustiza emanada do pobo galego habería garantir a participación no goberno do Poder Xudicial, canda os representantes dos xuíces e maxistrados, aos representantes dos avogados e consumidores. Habería garantir que non se producisen inmisións dos Executivos estatal ou autonómico. Pensemos que os problemas de falla de imparcialidade da xustiza galega non están na Galicia, onde os órganos xurisdicionais cumpren substancialmente con esta esixencia, senón na parcialidade dos Tribunais Supremo, Constitucional (TC), de Contas e da Audiencia Nacional. Suprimamos ésta, limitemos as competencias daqueles ao mínimo imprescindíbel e teremos unha xustiza moito máis independente. 

Galeguizarmos a Administración de Xustiza supón que os preitos rematen todos no noso territorio (agás as unificacións na aplicación do Dereito que cumpran por vía casacional)

 

Precisamos un Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) con medios abondo para  cumprir as súas funcións de unificar a aplicación do Dereito e server de instancia derradeira do sistema de recursos. Precisamos, tamèn, garantir unha instancia no propio TSXG con competencia en dereitos fundamentais, que encha o espazo de garantía  que deixou de encher o TC no 2007 e sexa accesíbel á cidadanía para facer valer na vida cotiá as súas liberdades.

Precisamos, tamén, garantir os dereitos lingüísticos e a igualdade entre galego e castelán que o Estado impediu até de agora, acadando polo menos a mesma normalización do uso do galego acadada nas Administracións locais e autonómicas. 

Comentarios